XVIII Aniversario Cantabile: aniversario virtual

O ano 2020 está sendo todo un reto: estamos aprendendo a convivir cun virus que nos trae situacións descoñecidas e nos obriga a adaptar (e ás veces a cancelar) toda a nosa actividade. Aínda así, non podemos esquecer que neste 2020 facémonos maiores de idade! Cantabile completou no mes de abril dezaoito anos de andadura e, xa que non puidemos celebralo co noso habitual concerto, queremos programar un aniversario virtual durante todo o mes de setembro, para inaugurar con bo pé o curso que temos por diante.

Durante as próximas semanas, programaremos nas nosas redes sociais varias actividades para rememorar todos estes anos:

  • Os luns, queremos poñervos a proba con #CantoSabesDeCantabile? Nas nosas stories de Instagram e no noso Twitter farémosvos algunhas preguntas e contarémosvos algunhas curiosidades. Se non sabedes algunhas das respostas, teredes que prestar atención á web…
  • Os mércores e os sábados faremos pequenos resumos sobre estes anos, apoiándonos no documental que gravamos con ocasión do XV aniversario, #OrgulloCantabile e, por suposto, tamén refrescaremos estes tres últimos anos!
  • Os xoves son de #ThrowbackThursday! Volveremos atrás con algunhas fotos en todas as nosas redes. Cantas caras seremos quen de recoñecer?
  • Por último, mais non menos importante, os domingos subiremos unha selección das nosas actuacións a un evento de Facebook que xa está disponíbel e que esperamos que compartades con toda a vosa axenda! Este #ConcertoVirtual non será o mesmo que outros anos, mais facémolo con toda a esperanza de podermos celebrar un multitudinario no 2021, TODOS XUNTOS!

Veredes que, ademais, a imaxe das nosas redes cambia durante este mes grazas ao traballo dunha das vogais da directiva, Cristina Veira. Antes de que a COVID paralizase todo, o coro estaba preparando un programa de Renacemento con temas que levamos cantando desde os inicios do coro e, aínda que non puidemos completar ese programa, si foi unha parte importante do que puidemos cantar este ano, así que non queriamos renunciar a ese toque que Cristina plasmou tan ben. Quen sabe? Quizais podamos interpretalo máis pronto que tarde… Mil grazas, Cris!

Espéranos un mes intenso pola rede e esperamos que nos acompañedes, #FamiliaCantabile!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.