#VenresDeCompositores 3: Juan Durán

Neste terceiro venres musical falarémosvos dun compositor cunha longa traxectoria, Juan Durán.

Resulta case imposíbel condensar toda a produción de Durán: é autor de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Dentro da súa producción destacan: a cantata Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz, con texto de Miguel Anxo Fernán-Vello, encargo en 2001 da Orquestra Sinfónica de Galicia; a edición, en 2005, da súa reconstrucción da ópera de Marcial del Adalid Inés e Bianca, por encargo do IGAEM da Xunta de Galicia; a estrea en 2007 de Divertimento para orquestra, obra encargo da Real Filharmonía de Galicia; o seu Motete Peregriño, obra encargo para a Santa Misa celebrada polo Santo Pai Bieito XVI, en Santiago de Compostela, en 2010; a súa cantata Caderno de Bitácora de Valentín Paz Andrade, encargo do Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas en 2012; a estrea tamén en 2012 de Alborada de noite e de luz pola OSG xunto ao Orfeón Donostiarra; a obra para arpa e orquestra Pórtico da Illa de Monteagudo, encargo do Concello de Vigo en 2015; así como as obras encargo da Fundación BBVA estreadas pola Orquesta da Comunidade de Madrid: Paseando por Madrid e Cervantina. Tamén hai que destacar o seu amplo catálogo de cancións, tanto propias como arranxos e orquestracións de cancións galegas. Son moitos os cantantes que interpretaron a súa música: Elina Garança, Cristina Gallardo-Domâs, Isabel Rey, Javier Franco, Borja Quiza, etc.

As súas obras interpretáronse en gran parte de Europa e en EE.UU, Arxentina, Brasil, Chile, México, Hong Kong, Thailandia, entre outros; destacando importantes salas e festivais como: Auditorio Nacional de Madrid, Fundación Gulbenkian de Lisboa, Instituto Cervantes de Nueva York, Teatro Amadeo Roldán de Cuba, Festival de Ópera de Benicassim, Temporada Lírica de Palma de Mallorca, Aula Magna da Universidade de Chile, Teatro do Lago en Frutillar (Chile), etc. Tamén son destacados os intérpretes que estrearon a súa música: Antoni Ros-Marbá, Víctor Pablo Pérez, Juanjo Mena, Pietro Rizzi, Osmo Vanska, Alejandro Posada, Maximino Zumalave, Edmon Colomer, Óliver Díaz, etc. E, máis asiduamente, colabora coas principais orquestras e conxuntos de cámara galegos, como a Orquesta Gaos, a 430 de Vigo, Zoar ensemble, Hércules Brass, Quinteto Rubato ou o Grupo Instrumental Siglo XX.

Entre 1987 e 1997 foi profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña e dende 2006 pertence ao corpo de Inspectores de Educación, na especialidade de ensinanzas artísticas. Foi membro fundador da Asociación Galega de Compositores en 1987, da que chegou a ser Presidente, e entre 2010 e 2018 foi membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. Alén diso, Durán recibiu, entre outros moitísimos galardóns, o Premio da Cultura Galega en 2013 e Premio Reina Sofía de Composición en 2018.

Cada día faltan menos nomes que coñecer e menos días para a estrea de #PalabrasDeLuz. Despedímonos até a semana que vén coas súas cariñosas palabras. Grazas, Juan!

A respecto da miña colaboración con Cantabile, que é a primeira máis espero non sexa a última, participei encantado nesta aventura coñecedor como son da fantástica traxectoria ao longo dos anos deste coro que constitúe unha referencia no panorama musical galego, con Pablo Carballido ao fronte, persoa querida e admirada dende hai moitos anos

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.