Un agasallo de parte de Cantabile

O 2020 foi un ano complicado e parece que o 2021 aínda non nos quere deixar remontar. Tivemos que adaptarnos a cantar con máscara, separados, por pequenos grupos en lugar de todos xuntos… e tampouco fomos #cantabileando polo mundo adiante, así que a asociación decidiu que había que recompensar a paciencia e o esforzo dos e das coralistas dalgunha maneira.

Decidimos que un libro sería un bo agasallo da nosa parte: somos unha asociación musical, mais tamén cultural en xeral, e nestes tempos a lectura é unha das actividades máis seguras e que máis nos axuda a manter o ánimo. Por tanto, puxémonos mans á obra e contactamos con catro librarías da cidade: Moito Conto, Sisargas, Suévia e Berbiriana. Cada coralista escolleu a que mellor lle viña e puido facer uso nelas dun bono entre o 23 de decembro e o 16 de xaneiro.

Unha vez transcorridos eses días, pedímoslles que nos enviasen unha foto coas súas compras e mirade que cariñas!

Encantounos que esta iniciativa tivese tanto éxito entre a #FamiliaCantabile, axudando ademais ao pequeno comercio da cidade e ao sector cultural, aínda que fose cun pequeno xesto. Agora, a seguir resistindo ben equipados coas nosas lecturas favoritas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.