Archivo de la etiqueta: Solistas

Concerto de Solistas 2019

Este domingo vivimos unha fantástica tarde de música nas Capuchinas. O concerto de solistas de Cantabile serve para que cada ano aqueles coralistas que estudan canto ou tocan algún instrumento poidan mostrar o seu traballo a un público que non terían nos seus conservatorios ou escolas. Isto axúdaos a mellorar como músicos e gañar confianza e seguridade, pero é que ademais, fainos disfrutar moitísimo!

Nesta edición tivemos nada máis e nada menos que 26 obras do máis variado. Sofía Iglesias inaugurou a tarde ao violonchelo, seguida do “Caro Mio Ben” de LeonorDespois, Romeu e Jaime emocionaron ao público coa banda sonora de Forrest Gump ao piano e o trombón, mentres que Pablo Ares ao acordeón e Silvia ao piano interpretaron ritmos de baile. Irene tamén tocou unha fermosa danza, a dos “espíritos benaventurados” de Gluck. Delicado e cheo de sentimento coma sempre, Romeu repetiu ao piano con dúas pezas. Seguiu o “A Vucchela” de Marcos, a “Aria da cantata campesiña” de Nicolás ao violín e, para concluír a primeira parte do concerto, Samuel interpretou a “Yorkshire Ballad” ao bombardino.

Cando o público volveu aos seus asentos e os artistas recuperaron forzas cuns doces –que non podían faltar– Jaime enfrontouse a tres solos de trombón, para despois unirse a Romeu, Xiana e Nicolás e cantar “Esurientes” de Vivaldi, “Wiegenlied” de Mozart e “Ceibo, ceibo zuiñandí” de Guastavino. A seguir, Marta Duckworth dedicou á súa avoa o “Nocturno nº5” de Field e Carlota, xunto coa súa compañeira Uxía, interpretou o primeiro movemento do “Concerto en Sol m para dous cellos” de Vivaldi. Miguel No interpretou a última obra para un instrumento de vento do concerto cunha sonata para clarinete de Saint-Säens, e a el seguírono os violíns de Ramón e Manuel Segade e a viola de Mara. Lucía Cernadas tocou as “Diferencias sobre Conde Claros” á guitarra, para unirse despois a Mariana no dúo “Son nata a lagrimar” do Giulio Cesare in Egitto de Händel. O ramo da noite púxoo Martín co “Con te partirò” que popularizou Andrea Bocelli, un éxito rotundo!
Antes de finalizar o concerto, Ludmila Orlova recibiu unhas flores como recoñecemento á súa paciencia e esforzo como pianista acompañante de moitos dos mozos e mozas, mentres a Sección Xuvenil se preparaba para cantar unha selección de coros do musical “Les Miserables” que, a xulgar polos aplausos, tamén foron un acerto.

Como vedes, Cantabile non para nin un momento! As nosas filas están cheas de talento ano tras ano, así que só podemos sentir orgullo e esperar con ansia o próximo concerto de solistas.

Deixámosvos cunha galería de fotos. Vémonos nos escenarios!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.