Archivo de la etiqueta: Ramallah

Algo máis que un coro: Isaac Martínez Bendayán en Palestina

O Coro Cantabile, nas convocatorias que fai para os seus eventos, adoita utilizar un formulario que serve tanto para controlar a asistencia como, para as persoas que non poden acudir, xustificar esta ausencia.

No último deles chamounos a atención a xustificación do noso coralista Isaac Martínez Bendayán. Indicaba que non podía asistir ao concerto e a súa causa era: “Misión humanitaria Palestina”.

Non deixamos pasar a oportunidade. Preguntámoslle a Issac por esta experiencia. Contounos que é a terceira vez que acude xunto a un equipo voluntario de cirurxía pediátrica para operar a nenos e nenas en Ramallah. Dispoñen dun centro hospitalario aceptable, pero non está dotado de persoal o suficientemente formado para afrontar intervencións deste tipo.

Abraiados pola xenerosidade de Isaac, propuxémoslle que dése unha charla á rapazada do Coro sobre a súa experiencia e el aceptou encantado.

A Palestine Children’s Relief Fund, ONG que xestiona o principal programa de cirurxía cardiaca pediátrica en Palestina, recibiu na última semana de outubro o equipo voluntario formado por profesionais sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e do Hospital Universitário São João de Porto, Portugal, para operar a nenos e nenas con enfermidade cardíaca conxénita no complexo médico de Palestina en Ramallah.

O equipo estaba composto por Víctor Bautista Hernández, Jorge de Oliveira, Claudia Almeida, Iria Rivera, José González, Daniela C. Rosas, Sonia Teixeira, Jocelina Cabral, MIlagros LInares, Rita Jácome e o noso compañeiro Isaac Martínez Bendayán.

Seguimos esta apaixoante experiencia a través do diario da Missao Joazinho na Palestina 2018

Neonatos de 3,5 kg. , nenas de seis anos, nenos con síndrome de Down…Todos e todas con enfermidades coronarias que, de non ser polo altruísmo dos nosos heroes e as nosas heroínas, verían o seu percorrido vital moi diminuído, tanto no tempo como na calidade.

Estamos xa ansiosos de escoitar as vivencias de Isaac nesta fermosa aventura.