Archivo de la etiqueta: orgulloCantabile

RESULTADOS DO CONCURSO DE DESEÑO TÉXTIL CANTABILE

Xa temos gañadoras do concurso de deseño téxtil Cantabile:

Na categoría para a xente máis cativa, a gañadora foi Julia Mena Díaz.

Na categoría absoluta, resultou gañador o tándem formado por Mariana Boedo Buño e Valeria Mena Díaz.

Como mostra da calidade dos traballos presentados e como recoñecemento ao esforzo realizado, o xurado, presido por Lucía Cernadas, decidiu outorgar dous accesits ex aequo para Laura García Pereiro e Manuel Segade Bodelo.

En breve disfrutaremos dos novos deseños nos nosos uniformes.

Nadal 2018-2019 #NadalCantabile

Rematou un intenso ano 2018 cheo de compromisos e música e comeza o 2019, cargado de proxectos.

Antes de coller folgos para esta nova andadura, queremos amosarvos un resumo do #NadalCantabile 2018-2019

E comezou moi pronto. Unha das novidades deste nadal foi a participación do Coro, o 7 de decembro,  no prendido da iluminación de nadal, cun concerto xunto á famosa bóla da Marina, ateigada de xente.

O Coro Cantabile no prendido da iluminación de nadal

Continuamos  coa inauguración do nacemento artístico no Palacio de María Pita o día 14. Este ano rendíase homenaxe á poeta Luz Pozo Garza, que saudou agarimosamente aos nenos e nenas do Coro. Interpretarmos varias panxoliñas despois de que Luz Pozo nos deleitase cun poema seu.

O seguinte evento foi a nosa participación no XI Encuentro de Música Coral Navidad Fonseca na igrexa dos Xesuítas da Coruña, xunto ao coro e camerata da Escola Municipal de Música e o Coro Sancta María Maris. Para non romper a tradición, as tres corais uníronse para interpretar unha fermosa panxoliña.

Cantabile no encontro de Fonseca

Outra das novidades este ano prodúxose o día 22 de decembro. Unha das actividades paralelas da mostra Sonoro Empeño de AFundación foi un recital de panxoliñas,  diante da súa sede, na rúa, aproveitando a bonanza climatolóxica. Día de compras, día de xente na rúa e todas a pararse a escoitar a Cantabile. Unha gran experiencia que esperamos poder repetir no futuro e que se consolide.

https://afundacion.org/es/prensa/noticia/cantabile-en-las-actividades-paralelas-de-sonoro-empeno

O día 28, Cantabile por partida dobre. Pola mañá participamos no tradicional Encontro coa Cidadanía no Palacio de María Pita.

Pola noite ofrecemos o noso tamén tradicional concerto de nadal. A igrexa de San Nicolás chea para desfrutar das nosas panxoliñas. Grazas, como sempre, por acollernos. Pedimos á xente que nos segue e aos membros do Coro unha achega para o banco de alimentos de Caritas. E era día 28, Santos Inocentes. Non podía faltar a brincadeira e non faltou.

Cantiga de Nadal, unha obra do noso presidente, Xulio Loureiro

O día 3 de xaneiro tocaba #CantabileSolidario e botamos a tarde cos amigos e amigas da residencia de maiores Concepción Arenal. A rapazada foi a protagonista falando das súas cousas e, sobre todo, cantando. O recibimento foi moi agarimoso.

O Coro na residencia Concepción Arenal

E así foi rematando o nadal. Quedaba o campeonato de fútbol sala con participación masiva de rapaces e rapazas (e algún non tan rapaz), a tradicional comida no local e o reparto de agasallos do amigo invisibel. E non podían faltar as partidas ao Lobo. Un día distinto, de convivencia e de pasalo ben.

Xa estamos a traballar para o 2019, pero queremos despedir esta entrada cos nosos mellores desexos e un resumo de todo ano

15 anos de Cantabile

“Quince anos ten xa esta fermosa árbore, que naceu en abril de 2002. Quince anos de traballo musical e cultural continuado con nenos e mozos, con ilusión e cun nivel artístico contrastado que son razón máis que suficiente para manifestar por unha parte un profundo orgullo e por outra gratitude.

Orgullo, porque, desde unha posición humilde e traballadora, Cantabile converteuse xa nos inicios en referencia musical que foi alimentando o seu contrastado e prestixioso currículo. Participar nestes anos en óperas como Tosca, Carmen, La Bohème, Otello, A Frauta Máxica con grandes artistas internacionais; producir e representar a ópera Dido e Eneas ; cantar Parsifal coa prestixiosa Orquestra Filarmónica de Liverpool, no Compostela Organum Festival ou no aniversario da Fundación Barrié na Catedral de Santiago de Compostela con Carlos Núñez; en cidades como Pesaro, Bolonia, Roma (nesta última diante do Papa Benedito XVI), Viena, Altenburg, Salzburgo, Lisboa, Lourdes, Barcelona, Madrid e outras capitais españolas; gravar cinco discos de temática variada (clásica, galega, internacional) sendo un deles a banda sonora da película De Profundis non é casual. Sabemos que este grupo enorme de rapaces e rapazas da nosa cidade e o mellor director musical posible son quen de demostrar ese altísimo nivel musical.

Cantabile é un proxecto musical de referencia na nosa cidade evidente, pero que en realidade, vai máis alá da experiencia musical. Desde o principio, desenvolveu a sensibilidade de calidade nos seus coralistas e que se pode resumir nunha formación artística, integral e enriquecedora. Asociado á música en xeral e a clásica en particular, está a técnica do canto, a contextualización cultural das obras que se traballan, as visitas e concertos culturais, a convivencia de todos os membros de idades que se inician nos 8 anos ata a máis madura mocidade, a colaboración para un fin, o recoñecemento e admiración polo esforzo e traballo entre os seus compoñentes, a asunción de responsabilidades musicais e de xestión, etc. Un compendio, en fin, que etiqueta a Cantabile como ese feito musical como poucos e que temos tan preto. Como non imos estar orgullosos?

Podemos estar aínda máis orgullosos porque esta idea que se chama Cantabile, deu e dá froitos para a música constantemente, con excoralistas que continúan o seu labor musical e artístico como profesionais polo mundo adiante: Keko Martínez, Alberto Miguélez, Jesús Rodil, María Lueiro

Por outra parte, temos que proclamar unha gratitude tamén coral, dado que son varios os factores que provocaron e provocan que Cantabile sexa o que é. A primeira, refírese aos pais de todos os que estiveron e están aquí. Sen a súa confianza e sensibilidade pola formación dos seus fillos este proxecto non sería posible. Co seu esforzo por transmitir valores como formación, compromiso, implicación ou sacrificio, a calidade musical estivo sempre fortemente apuntalada. Nun paso máis profundo, algúns destes pais e tamén coralistas mozos interiorizaron Cantabile e formaron parte das diversas directivas que proporcionaron o imprescindible sustento loxístico do coro. O número deles afortunadamente é rico e todos aportaron o seu saber e o seu esforzo en beneficio de todos. É de xustiza destacalos na figura dos seus presidentes como representantes de todas as directivas precedentes: Millán Torre, Jesús Rodil, Pablo Méndez e Benito Freijido.

A segunda gratitude centrámola nas institucións que apoiaron e apoian esta realidade. É xusto citar ás Fillas da Natividade de María de Porta Real, que foron as que acolleron o nacemento de Cantabile; á Deputación da Coruña a través dos seus programas culturais e apoiando os nosos no Teatro Colón; ao Concello da Coruña, onde somos complemento de actos especiais como a recepción municipal anual, inauguración do Belén municipal ou as diversas actuacións ao longo do ano dentro do plan cultural municipal; a Amigos de la Ópera, que tanto valora o noso traballo nas óperas antes citadas; ás igrexas das Capuchinas e esta de San Nicolás. A fabulosa sonoridade destes dous templos nunca pasou desapercibida para o noso director, polo que, ano tras ano, desenvolvemos os nosos concertos importantes nestes dous recintos; pero este, o de aniversario, sempre aquí, pola solemnidade que esta Igrexa confire á música. Loxicamente, detrás dese acollemento amable e entusiasta está José Luís, o seu párroco, para o que a palabra grazas debe estenderse ao concepto de cariño.  Moitas grazas. Como é comprensible, Cantabile non podería facer moitas das cousas que fai de non ser por estes apoios imprescindibles. E imprecindibles son para nós tamén os grandes músicos que nunca dubidan en participar con nós nos proxectos especiais coma este concerto. Con eles as voces de Cantabile fanse máis grandes e fermosas.

Un agradecemento especial temos que dedicarllo á figura que aglutina todo isto desde o principio. Nin se entendería nin sería o mesmo Cantabile sen a súa sensibilidade, a súa sabedoría, a súa pedagoxía, o seu cariño. Con el naceu e con el crece, con el latexa este corazón. Ademais de sentirnos orgullosos e afortunados, temos que agradecerlle todos estes anos de dedicación abnegada aos rapaces no plano musical e no humano. O seu labor a todos os niveis é impagable. Como dixen antes, o mellor director posible para este Coro. Pido un caloroso aplauso para o artífice: moitas grazas, Pablo Carballido.

E por último, pero non menos importante (como se estila dicir), temos que dar as moitas grazas a todos vostedes, o público, porque coa súa presenza e entrega en cada cita, provocan o noso esforzo, a nosa ilusión, a nosa razón de ser. Vostedes son o noso obxectivo musical final, o noso apoio básico. A través dos concertos, da adquisición dos nosos discos e da subscrición de socios, é posible continuar avanzando e asentando este proxecto. En nome de todos os coralistas, músicos, director e xunta directiva que honro presidir, quero darlles as moitísimas grazas por dedicarnos a súa sensibilidade e cariño.

Sen máis, damos comezo a esta actuación, esperando que o programa que preparamos para este concerto sexa do seu agrado. Boas tardes e moitas grazas.”

Xulio Loureiro, presidente da Asociación musical e cultural Cantabile