Archivo de la etiqueta: algo máis que un coro

#VenresDeCompositores 1: Federico Mosquera

Hoxe é o turno do primeiro dos compositores que participaron en Palabras de luz. Trátase de Federico Mosquera, que puxo música a Luz de setembro, de Pilar Pallarés, e A árbore da cegueira, de Baldo Ramos, a quen nos achegaremos en próximos #MartesDePoetas.

 

Federico Mosquera Martínez naceu na Coruña en 1986. Activo como pianista e compositor, as súas obras teñen sido interpretadas en Portugal, España, Francia, Reino Unido, Italia, Países Baixos, Estonia e China. De entre elas, destacan a estrea en Rotterdam do Concerto para Clarinete Baixo e orquestra de corda (2013) a cargo do clarinetista Igor Urruchi, e a estrea en china do arranxo para conxunto de ventos a cargo do clarinetista baixo Henri Bok. Tamén salienta a estrea coa Real Filharmonía de Galicia do Concertino para orquestra de corda (2011) dirixido por Maximino Zumalave. A Orquestra Sinfónica de Galicia interpretou en primicia os seus Tres movementos sinfónicos (2012) dirixidos por Víctor Pablo Pérez, Rituales y sortilegios (2015, obra por encargo da Fundación SGAE e a AEOS) dirixida por Dima Slobodeniouk, e o seu Concerto para Tuba (2016), dirixido por José Trigueros como Jesper Boile Nielsen como solista.

Fotografía: Petar Stoykov

No ámbito da música de cámara destaca a estrea dos seus quintentos de vento Ignis et Terra (2015, obra encargo do CNDM) polo quinteto Zoar nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela (2015) e Café Madrid 1916 (baixo encargo da ORCAM), interpretada por un septeto de solistas da ORCAM no auditorio da Fundación Canal de Madrid.

Formado como pianista nos conservatorios da Coruña, Cracovia e Rotterdam, bolseiro da fundación Barrié de la Maza, estudou con mestres como Mercedes Goicoa, Andrzej Pikul e Jean-Bernard Pommier. Tocou en importantes salas como a Casa da Música (Porto), a Jurriaanse e a Grote zaal do Doelen (Rotterdam) e en festivais como Harmos festival 2010, Festival Repeat 2011, Festival de músicos de Cámara da Haia (2013), Festival Gergiev 2013 e o Piano duo Festival (2014) en Amsterdam.

Actualmente combina a súa actividade como pianista e compositor co traballo como Artistic Research Coach en Codarts, Conservatorio de Rotterdam. Mantén a páxina web www.federicomosquera.com

A semana que vén daremos máis nomes do excepcional equipo que fixo posíbel Palabras de luz. Vémonos o martes! #CantabileNonPara

 

 

#MartesDePoetas 1: Pilar Pallarés e María Lado

Comeza outubro, e con el imos contando as horas para que chegue a presentación do noso proxecto Palabras de luz. Durante as próximas semanas presentarémosvos de xeito máis individualizado a todas as e os artistas que participaron na creación desta aventura. Os martes, toca poesía! As dúas primeiras voces, que vos presentamos coas súas propias palabras, son Pilar Pallarés e María Lado.

Pilar Pallarés naceu en Culleredo (A Coruña) en 1957. Morou en Vigo, Santiago, Lisboa, Pontedeume, e desde o 1984
no mesmo bairro da Coruña.
Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Coruña e en Santiago, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero no seu derradeiro curso como profesor. El é, xunto con Moncho Valcarce, un dos seus referentes fundamentais. Tamén o é Francisco Pillado Rivadulla, a quen debe a súa entrada no mundo literario e a publicación en 1980 do seu primeiro libro de poemas, Entre lusco e fusco. Publicou ademais Sétima soidade (1984, Premio Esquío), Livro das devoracións (1996, Premio da Crítica Galega e da Española), Poemas (2000), Leopardo son (2011, Premio da AELG) e Tempo fósil (2018, Premio da Crítica Española).
Ten feito estudos sobre Luís Seoane, Rafael Dieste, Rosalía, Cunqueiro, Manuel Antonio, Manuel María, Carvalho Calero… En 1992 preparou para a Colección Esquío unha escolma sobre a poesía deste último, Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero). Está a piques de saír outra en Chan da Pólvora baixo o título Beleza, verdade. En 1991 publicou Rosas na sombra (A poesia de Luís Pimentel).
Para Palabras de luz escribiu o poema Luz de setembro.

María Lado naceu a medio camiño entre Cee e Compostela, nun taxi. Era unha noite de abril de 1979. Comezou escribindo poesía no Batallón Literario da Costa da Morte e a día de hoxe ten seis títulos publicados. É tamén autora dunha novela, dous álbums infantís e varios textos de teatro. O espectáculo Anatomía dunha Serea, que escribiu xunto coa actriz Iria Pinheiro, foi recoñecido cun premio María Casares ao mellor guión.
Dende 2005 mantén con Lucía Aldao o dúo Aldaolado, co que levan a poesía aos escenarios de todo o país.
Para Palabras de luz escribiu o poema Rompa se ten que romper.

Esperamos que vos entusiasme tanto como a nós contar con estas grandes poetas, e con todas as que aínda nos quedan por vos presentar! Vémonos o venres, porque será o turno da música!

Concerto de clausura do XIII Curso de Canto Cantabile

Este 30 de agosto tivemos a ocasión de sentir #OrgulloCantabile unha vez máis. Un total de vinte coralistas e precoralistas participaron no XIII Curso de Canto organizado pola nosa asociación e impartido por Pablo Carballido, que ademais de ser un excelente director é tamén, como sabedes, mestre de canto con anos e anos de experiencia. Os e as vinte valentes que se inscribiron no curso recibiron tres sesións intensivas para mellorar a súa técnica vocal e mostraron os seus resultados nun concerto no cal tamén estiveron acompañados polo coro completo – coas camisetas que gañaron o concurso de deseño téxtil, ou como dicimos nós, as flamingosetas – . Por se fose pouco, puidemos gozar novamente de varias actuacións dos nosos solistas, porque en Cantabile hai toneladas de talento! Mais, como nos lembra a nosa querida Pilar Muíños, o talento non chega e o traballo é a nosa base:

https://twitter.com/pmuinos/status/1167516249502494721

A tarde comezaba co Zadok the Priest, seguida da famosa Vois sur ton chemin e unha peza de acordeón de Pablo Ares. Despois, interveu o primeiro grupo de participantes no curso con Amor ch’attendi, de  G. Caccini.

Nico, Sophia, Xiana, Mara, Noa P., Marta D., Alicia e Salma durante a súa peza

A continuación, Alejandro Carrión sorprendeunos ao piano co Pequeno preludio de J.S. Bach. O coro interveu con All things bright and beautiful, Nerea izango zen, O Sanctissima e a Pandeirada de Vilariño, intercalándose o Quia Respexit de Inés e Miguel No, o Ceibo, ceibo, Zuiñandí de Xiana e Nico e Ramón ao violín. Ademais, non puido faltar unha boa dose de voces de tenor co espectacular O sole mio de Martín e o Tu ch’hai le penne, amore do segundo grupo do curso.

Ramón, Samuel, Alejandro P. e Manuel González

Na última parte do concerto, Alejandro P. interpretou Gabriel’s Oboe, a fermosa peza da banda sonora que Ennio Morricone compuxo para The Mission. A continuación, chegou o turno dos e das peques do curso, que cantaron Ochietti Amati de Falconieri.

Pablo A., Ndeye, Candela, Marta L., Emma, Raquel e Catarina mostran os seus avances

A tarde – xa noite – finalizou co coro completo cantando “In te domine speravi” do Te Deum de Charpentier, a entrega dos diplomas do curso por parte da presidenta e o vicepresidente da asociación, Lucía Cernadas e Miguel No… e un bis: Every Breath You Take.

A clausura do curso de canto foi un peche express a unha semana intensiva; foi unha tarde chea de emocións, sorpresas, diversión e cariño por parte do público. Mil grazas a todas as persoas que enchestes Capuchiñas para arrouparnos e seguir os nosos progresos, a Ludmila Orlova por acompañarnos maxistralmente unha vez máis, e tamén aos e as participantes no curso que confiastes no traballo de Pablo; non seríamos nada sen vós!

Deixámosvos unha galería de fotos deste día tan especial. Estamos desexando que chegue o seguinte Curso de Canto Cantabile!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Cantabileando 2019. Capítulo 2: Navarra

O pasado 31 de xullo, a nave Raposo XI emprendeu unha expedición lunática rumbo ao infinito e máis aló pasando por Bilbao, Pamplona, Olite, Lumbier, Leyre, Logroño, Atapuerca, Burgos e León (ahí queó!).

Raquel Cernadas pinta o Cantabileando 2019

A tripulación, 48 valentes con moita ansia de invadir todos estes lugares e enchelos de música, baile, risos e mesmo procesións improvisadas; porque sabede que cantabilear é o que vos ten, que nunca sabe un/unha onde vai xurdir como por arte de maxia unha kale barroca, unha coreografía vangardista, unha gymkana, un neno frautista subido nunha peaña ou mesmo un director poñéndose tibio de moras, así ás agachadas e con moita falta de quitamanchas. E sabede tamén que de todo isto hai testemuño gráfico.

En Bilbao, as bóvedas da basílica de Begoña, xenerosas, devolveron resonancias marabillosas das voces da nosa rapazada dirixida por Pablo Carballido. Ocasión solemne que, unha vez rematada, deu paso ao noso particular chupinazo de saída da festa rachada: quedaba inaugurado o Cantabileando 2019!

Misa cantada e concerto do Coro Cantabile na Basílica de Nosa Señora de Begoña

Sucedéronse xornadas de descubrimentos e creatividade: non se deixou monumento, catedral, convento, castelo, praza, rúa, espazo natural, piscina, albergue nin restaurante sen vibrar ao noso paso. Tan intensas foron as cinco noites ben apuradas cos seus seis días de inmensos soles, que ao retornar sentimos que o tempo se alongara, como lle ocorrera a aquel monxe escoitando o paxariño, e que nos transformara.

O Coro Cantabile facendo unha pequena pausa diante do Mosteiro de Leyre

Houbo, como en toda travesía que mereza a pena, luces e sombras; pero de todo aprendemos e todo nos fai medrar, porque ademais sómosvos especialistas en escorrentar a escuridade a forza de musiquear [email protected] Por iso, para toda a familia Cantabile, para quen estea a pasar por un mal momento, para quen nesta ocasión non puido acompañarnos…Forza e luz!!!! Seguiremos cantando e cantabileando [email protected] sempre, aquí e polo mundo adiante.

E…, seguindo coa nosa tradición, deixamos aquí o noso vídeo Cantabileando Navarra 2019, realizado por Noa del Río, a quen agradecemos o seu traballo e a súa inesgotable paixón, así como a toda a rapazada, integrantes da directiva e ao noso querido director, Pablo Carballido del Camino, pola ilusión posta na súa participación 🙂