Archivo de la etiqueta: A Coruña

Concerto de clausura do XIII Curso de Canto Cantabile

Este 30 de agosto tivemos a ocasión de sentir #OrgulloCantabile unha vez máis. Un total de vinte coralistas e precoralistas participaron no XIII Curso de Canto organizado pola nosa asociación e impartido por Pablo Carballido, que ademais de ser un excelente director é tamén, como sabedes, mestre de canto con anos e anos de experiencia. Os e as vinte valentes que se inscribiron no curso recibiron tres sesións intensivas para mellorar a súa técnica vocal e mostraron os seus resultados nun concerto no cal tamén estiveron acompañados polo coro completo – coas camisetas que gañaron o concurso de deseño téxtil, ou como dicimos nós, as flamingosetas – . Por se fose pouco, puidemos gozar novamente de varias actuacións dos nosos solistas, porque en Cantabile hai toneladas de talento! Mais, como nos lembra a nosa querida Pilar Muíños, o talento non chega e o traballo é a nosa base:

https://twitter.com/pmuinos/status/1167516249502494721

A tarde comezaba co Zadok the Priest, seguida da famosa Vois sur ton chemin e unha peza de acordeón de Pablo Ares. Despois, interveu o primeiro grupo de participantes no curso con Amor ch’attendi, de  G. Caccini.

Nico, Sophia, Xiana, Mara, Noa P., Marta D., Alicia e Salma durante a súa peza

A continuación, Alejandro Carrión sorprendeunos ao piano co Pequeno preludio de J.S. Bach. O coro interveu con All things bright and beautiful, Nerea izango zen, O Sanctissima e a Pandeirada de Vilariño, intercalándose o Quia Respexit de Inés e Miguel No, o Ceibo, ceibo, Zuiñandí de Xiana e Nico e Ramón ao violín. Ademais, non puido faltar unha boa dose de voces de tenor co espectacular O sole mio de Martín e o Tu ch’hai le penne, amore do segundo grupo do curso.

Ramón, Samuel, Alejandro P. e Manuel González

Na última parte do concerto, Alejandro P. interpretou Gabriel’s Oboe, a fermosa peza da banda sonora que Ennio Morricone compuxo para The Mission. A continuación, chegou o turno dos e das peques do curso, que cantaron Ochietti Amati de Falconieri.

Pablo A., Ndeye, Candela, Marta L., Emma, Raquel e Catarina mostran os seus avances

A tarde – xa noite – finalizou co coro completo cantando “In te domine speravi” do Te Deum de Charpentier, a entrega dos diplomas do curso por parte da presidenta e o vicepresidente da asociación, Lucía Cernadas e Miguel No… e un bis: Every Breath You Take.

A clausura do curso de canto foi un peche express a unha semana intensiva; foi unha tarde chea de emocións, sorpresas, diversión e cariño por parte do público. Mil grazas a todas as persoas que enchestes Capuchiñas para arrouparnos e seguir os nosos progresos, a Ludmila Orlova por acompañarnos maxistralmente unha vez máis, e tamén aos e as participantes no curso que confiastes no traballo de Pablo; non seríamos nada sen vós!

Deixámosvos unha galería de fotos deste día tan especial. Estamos desexando que chegue o seguinte Curso de Canto Cantabile!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Cantabileando 2019. Capítulo 2: Navarra

O pasado 31 de xullo, a nave Raposo XI emprendeu unha expedición lunática rumbo ao infinito e máis aló pasando por Bilbao, Pamplona, Olite, Lumbier, Leyre, Logroño, Atapuerca, Burgos e León (ahí queó!).

Raquel Cernadas pinta o Cantabileando 2019

A tripulación, 48 valentes con moita ansia de invadir todos estes lugares e enchelos de música, baile, risos e mesmo procesións improvisadas; porque sabede que cantabilear é o que vos ten, que nunca sabe un/unha onde vai xurdir como por arte de maxia unha kale barroca, unha coreografía vangardista, unha gymkana, un neno frautista subido nunha peaña ou mesmo un director poñéndose tibio de moras, así ás agachadas e con moita falta de quitamanchas. E sabede tamén que de todo isto hai testemuño gráfico.

En Bilbao, as bóvedas da basílica de Begoña, xenerosas, devolveron resonancias marabillosas das voces da nosa rapazada dirixida por Pablo Carballido. Ocasión solemne que, unha vez rematada, deu paso ao noso particular chupinazo de saída da festa rachada: quedaba inaugurado o Cantabileando 2019!

Misa cantada e concerto do Coro Cantabile na Basílica de Nosa Señora de Begoña

Sucedéronse xornadas de descubrimentos e creatividade: non se deixou monumento, catedral, convento, castelo, praza, rúa, espazo natural, piscina, albergue nin restaurante sen vibrar ao noso paso. Tan intensas foron as cinco noites ben apuradas cos seus seis días de inmensos soles, que ao retornar sentimos que o tempo se alongara, como lle ocorrera a aquel monxe escoitando o paxariño, e que nos transformara.

O Coro Cantabile facendo unha pequena pausa diante do Mosteiro de Leyre

Houbo, como en toda travesía que mereza a pena, luces e sombras; pero de todo aprendemos e todo nos fai medrar, porque ademais sómosvos especialistas en escorrentar a escuridade a forza de musiquear [email protected] Por iso, para toda a familia Cantabile, para quen estea a pasar por un mal momento, para quen nesta ocasión non puido acompañarnos…Forza e luz!!!! Seguiremos cantando e cantabileando [email protected] sempre, aquí e polo mundo adiante.

E…, seguindo coa nosa tradición, deixamos aquí o noso vídeo Cantabileando Navarra 2019, realizado por Noa del Río, a quen agradecemos o seu traballo e a súa inesgotable paixón, así como a toda a rapazada, integrantes da directiva e ao noso querido director, Pablo Carballido del Camino, pola ilusión posta na súa participación 🙂

 

 

 

Concerto de Solistas 2019

Este domingo vivimos unha fantástica tarde de música nas Capuchinas. O concerto de solistas de Cantabile serve para que cada ano aqueles coralistas que estudan canto ou tocan algún instrumento poidan mostrar o seu traballo a un público que non terían nos seus conservatorios ou escolas. Isto axúdaos a mellorar como músicos e gañar confianza e seguridade, pero é que ademais, fainos disfrutar moitísimo!

Nesta edición tivemos nada máis e nada menos que 26 obras do máis variado. Sofía Iglesias inaugurou a tarde ao violonchelo, seguida do “Caro Mio Ben” de LeonorDespois, Romeu e Jaime emocionaron ao público coa banda sonora de Forrest Gump ao piano e o trombón, mentres que Pablo Ares ao acordeón e Silvia ao piano interpretaron ritmos de baile. Irene tamén tocou unha fermosa danza, a dos “espíritos benaventurados” de Gluck. Delicado e cheo de sentimento coma sempre, Romeu repetiu ao piano con dúas pezas. Seguiu o “A Vucchela” de Marcos, a “Aria da cantata campesiña” de Nicolás ao violín e, para concluír a primeira parte do concerto, Samuel interpretou a “Yorkshire Ballad” ao bombardino.

Cando o público volveu aos seus asentos e os artistas recuperaron forzas cuns doces –que non podían faltar– Jaime enfrontouse a tres solos de trombón, para despois unirse a Romeu, Xiana e Nicolás e cantar “Esurientes” de Vivaldi, “Wiegenlied” de Mozart e “Ceibo, ceibo zuiñandí” de Guastavino. A seguir, Marta Duckworth dedicou á súa avoa o “Nocturno nº5” de Field e Carlota, xunto coa súa compañeira Uxía, interpretou o primeiro movemento do “Concerto en Sol m para dous cellos” de Vivaldi. Miguel No interpretou a última obra para un instrumento de vento do concerto cunha sonata para clarinete de Saint-Säens, e a el seguírono os violíns de Ramón e Manuel Segade e a viola de Mara. Lucía Cernadas tocou as “Diferencias sobre Conde Claros” á guitarra, para unirse despois a Mariana no dúo “Son nata a lagrimar” do Giulio Cesare in Egitto de Händel. O ramo da noite púxoo Martín co “Con te partirò” que popularizou Andrea Bocelli, un éxito rotundo!
Antes de finalizar o concerto, Ludmila Orlova recibiu unhas flores como recoñecemento á súa paciencia e esforzo como pianista acompañante de moitos dos mozos e mozas, mentres a Sección Xuvenil se preparaba para cantar unha selección de coros do musical “Les Miserables” que, a xulgar polos aplausos, tamén foron un acerto.

Como vedes, Cantabile non para nin un momento! As nosas filas están cheas de talento ano tras ano, así que só podemos sentir orgullo e esperar con ansia o próximo concerto de solistas.

Deixámosvos cunha galería de fotos. Vémonos nos escenarios!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Concerto na presentación da memoria de Responsabilidade Social Corporativa da Cátedra Inditex no Paraninfo da Universidade da Coruña

CusO Coro Cantabile pechará o acto de presentación da memoria de Responsabilidade Social Corporativa da Cátedra Inditex do ano 2019 cun concerto no Paraninfo da Universidade da Coruña, nun acto no que participará, ademais das autoridades da Universidade e o seu Consello Social, Elena Pisonero, presidenta de Hispasat