REDE CULTURAL 2019

A Deputación da Coruña convocou o seu plan Rede Cultural para o ano 2019, que conecta o ámbito municipal cos creadores e creadoras e axuda á formación dunha ampla oferta cultural e de calidade en todos os concellos, financiando e desenvolvendo diversos programas.

O Coro Cantabile participa no Programa Alicerce, destinado á programación de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades. O Coro Cantabile (Clave Entidade 30/798, Clave Grupo CS/88) inclúe, nesta oferta cultural, os seguintes espectáculos:

Espectáculo: Cantabile Canta aos Clásicos

Neste espectáculo, o Coro Cantabile fai unha selección dos mellores traballos do seu repertorio, tratando de acercar o público aos grandes clásicos da música.

Espectáculo: Nadal Cantabile

Neste espectáculo, o Coro Cantabile amosa ao público unha escolma de panxoliñas en galego, castelán e outros idiomas. Este repertorio é un dos máis afamados do Coro, moi solicitado noutras edicións da Rede Cultural, e nos principais actos que organiza o Concello da Coruña polo nadal., así como outras entidades privadas. AFundación contou, no nadal de 2018 co Coro Cantabile para unha actividade paralela da súa exposición Sonoro empeño, cun multitudinario recital de panxoliñas diante da súa sede, nunha das rúas máis transitadas da cidade.

 

Espectáculo: Cantabile Canta en Galego

No seu compromiso na promoción e defensa da cultura galega, sobre todo, no eido da música, o Coro Cantabile presenta este espectáculo completamente en lingua galega, composto de cancións populares, poemas clásicos musicados e cantigas medievais galego-portuguesas.

O Coro Cantabile está inmerso nun ilusionante proxecto, financiado pola Deputación da Coruña, de renovación do repertorio coral culto galego, en galego. O resultado deste proxecto serán doce poemas inéditos dos e das mellores poetas de Galiza do momento aos que lles porán música compositoras e compositores tamén de Galiza. Polo tanto, o Concello que contrate este espectáculo poderá disfrutar da estrea dalgunha destas pezas que, sen dúbida, pasarán a formar parte, nun lugar destacado, do novo repertorio coral culto galego.

Espectáculo: Te Deum – M.A. Charpentier

Neste espectáculo, o Coro Cantabile amoso ao público a obra central do seu proxecto formativo deste curso. Ano tras ano, a rapazada do Coro fórmase traballando sobre unha obra escollida polo seu director, o prestixioso tenor e profesor de canto, Pablo Carballido del Camino. Nesta ocasión, trátase do Te Deum de Marc-Antoine Charpentier, motete polifónico composto, probablemente, entre 1688 e 1698. Sobradamente coñecido é o seu preludio instrumental, sintonía da Unión Europea de Radiodifusión, do Festival da Canción de Eurovisión e do Torneo de Rugby das Seis Nacións.

Solicitude de espectáculos

A segunda fase do procedemento, a solicitude de espectáculos por parte de concellos e entidades, comeza o día 27 de febreiro de 2019 e remata o 13 de marzo de 2019, ás 14.00 horas.

Podes consultar as bases e outra información sobre a Rede Cultural 2019 aquí:

https://www.dacoruna.gal/cultura/rede-cultural