Palabras de luz nos Martín Codax

Ola, #FamiliaCantabile!

Despois dun tempo sen actividade por esta páxina, estamos moi contentas de poder compartir convosco unha noticia: somos candidatas aos premios Martin Codax da música galega!

Estes premios, convocados pola asociación Músicas ao vivo, nacen co obxectivo de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego. A través dun proceso de votación que podedes consultar na súa web, escóllense as mellores candidaturas en categorías que van desde Coros e grupos vocais, a nosa, até Músicas urbanas, Jazz ou Reggae, entre moitas outras. Mais para concorrer (e aquí vén a outra parte interesante) tiñamos a oportunidade de apoiar a nosa candidatura con catro vídeos do noso proxecto; para isto, escollemos videos do concerto de estrea no Teatro Colón, que compartimos convosco por primeira vez aquí (grazas, coma sempre, ao magnífico traballo de Microrec). O resto de pezas e a experiencia dese día no teatro estarán disponíbeis en pouco tempo, mais polo momento, abramos boca!

Se nos acompañastes ese día, mil grazas! Aquí podedes revivilo. Se é a primeira vez, esperamos que gostedes! E desexádenos sorte!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.