#MartesDePoetas 4: Celso Fernández Sanmartín e Estíbaliz Espinosa

Unha semana máis descubrindo artistas que participaron en #PalabrasDeLuz e, sobre todo, unha semana menos para o concerto de presentación! O 20 de novembro está xa gravado nas nosas axendas e poderá estar nas vosas en moi pouco, porque xa están comezando a circular os convites. Prestade atención ás nosas redes, porque xa non queda nada!

Nesta ocasión observamos de perto a Celso Fernández Sanmartín eEstíbaliz Espinosa.

Celso Fernández Sanmartín é a persoa que escribiu para Cantabile o poema “En que momento…”, que musicou Juan Durán. Mais quizais algunhas das persoas que ledes esta entrada o coñezades xa como contador de historias polas súas aparicións na Televisión de Galicia, ou tamén polo seu último libro, publicado en Apiario (unha editora que nos soa, verdade?): A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez. Con todo, Celso prefire presentarse en poucas palabras:

Nacín en Lalín no ano 1969, e aquí sigo residindo
Licencieime en Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela
Son colleitador, escolmador e contador de literatura oral e historias de vida
tamén horticultor e poeta
Penso que é xa moito dicir

Por súa vez,  Estíbaliz Espinosa é unha artista da nosa cidade que combina tres grandes paixóns: música, astronomía e poesía. Froito disto, escribiu para nós “Voces baixo a Vía Láctea”. Ela explícanos así a súa faceta literaria:

“Trato de «gañarme» a vida sen perderme a vida coa literatura, a divulgación en ciencia, principalmente a astronomía, e a música [como mezzosoprano]. Ao longo de máis de 20 anos de traxectoria literaria, publiquei 7 libros de poemas, algúns deles no marco da terceira cultura [Curiosidade, As neuronas irmás, Papel a punto de, -orama, Zomm, entre outros]. Tamén ensaios, un álbum infantil ilustrado sobre astronomía [Caer de cu polo universo, Apiario, 2015], traducións [A illa curiosa e a tradución do universo, 2016] e relatos [Cápsulas de son] sobre mulleres científicas. A miña obra aparece recollida en antoloxías como Versos desde la exosfera [2019], Mujeres de carne y verso [2002], La lluvia en el mar [2018] e en libros colectivos como
Women up to no good [Upper Rubber Boot, Nashville, USA, 2018], Versos desde la exosfera [Cazador de ratas, 2019], El libro del voyeur [Eds. del viento, 2008] ou Os aforismos do riso futurista [Xerais, 2017], entre moitos outros. Partes da miña obra poética traducíronse a inglés, xaponés, hebreo, catalán, farsi, macedonio, galés ou italiano. Participei en numerosos festivais e recitais, dende Chicago á Feira do Libro de Bos Aires, dende o Norte de Gales á Ría de Vigo, dende Chaves a Córdoba ou Madrid. Outorgáronme algúns galardóns, entre eles Afundación-Pen Club de poesía, Esquío de poesía, La Voz+joven de poesía, Xosé Saramago de relatos, e tiven a honra de ser finalista de premios internacionais como Premios del Tren «Antonio Machado» 2019 de poesía ou Cosecha Eñe de relato.
Colaboro literariamente co Planetario da Coruña, o Cuaderno de Cultura Científica da Universidad del País Vasco, ZigZag Diario ou a Orquestra Sinfónica de Galicia, escribindo e traducindo notas ao programa dende hai máis de 10 anos.
Artellei espectáculos entre as miñas tres paixóns, literatura, astronomía e música, como As Curiosas: son de letras+ciencias [Concello da Coruña, 2018], Escrita no ceo [Planetario, Casa das Ciencias, 2014], A ombros de xigantas vermellas ou Xenias e musos? [Afundación, 2019], acompañada de instrumentos como piano e aquófono.”

Como vedes, contamos cunha equipa de luxo para o noso #PalabrasDeLuz. Persoas que, ademais de seren grandes profesionais, dedican o seu tempo e o seu cariño ao coro. Deixámosvos unhas palabras de Estíbaliz que falan por si mesmas. Mil grazas!

“O Coro Cantabile é un coro especial para min porque o coñezo dende que comezou a andar. Coñezo ao seu marabilloso director e o seu labor extraordinario coas voces que comezan a medrar nesta cidade. Penso que a súa aposta coral e educativa, a de formar voces, harmonías e musicalidade dende moi novas, é tan necesaria como reivindicable. Un luxo que esta cidade cunha torre que mira ao mar dende baixo a Vía Láctea escoite as voces dos seus fillos e fillas nunha das actividades máis fermosas, xenerosas e divertidas dun ser humano: cantar a coro. Ensamblar voces, seguir liñas e letras distintas, unirse nun punto, empastar coa compañeira ou
compañeiro, calar e escoitar, entrar xuntos, atrevernos cos solos, construír unha torre de sons, unha harmonía… Cantabile constrúe unha torre de voces que medran. Iso é un tesouro para todas as coruñesas e coruñeses, un orgullo galego e universal. A música das esferas coa que soñaban as clásicas non ha estar moi lonxe dun coro de voces que comezan a cantar por vez primeira nesta Terra.

Participar neste proxecto supón para min un soño e un privilexio: poñer a letra a algo que musicarán e logo cantarán outros é algo que me gusta facer dende sempre. As Palabras de Luz fixéronme pensar en dúas cousas: a luz das estrelas que xa non podemos ver dende a cidade, pero están aí, como a Vía Láctea, a nosa galaxia; e a luz do faro da nosa cidade, a Torre de Hércules. As voces que cantan unidas, que acordan xuntas, foron, son e serán o noso faro como especie. Dende este recuncho que é fin da terra, torre, principio do mar e latitude 43º Norte, un canto de luz baixo as estrelas”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.