#MartesDePoetas 3: Manuel Rivas e Eva Veiga

Como son as cousas da tecnoloxía… Onte tivemos uns pequenos problemas técnicos e non puidemos subir a entrada correspondente ao terceiro #MartesDePoetas, mais non por iso vai quedar na recámara. Despois de todo, sempre é bo momento para a poesía!
Nesta ocasión ollamos máis de perto a traxectoria de dúas excelentes voces coruñesas que participaron en #PalabrasDeLuz: Manuel Rivas e Eva Veiga.

Manuel Rivas naceu na Coruña en outubro de 1957. Cofundador da revista poética clandestina
Loia (1975), a súa primeira obra de poemas foi o Libro do Entroido (1981). Unha mostra da súa poesía está recollida nas escolmas O pobo da noite, Do descoñecido ao descoñecido e A desaparición da neve. Como narrador é autor, entre outras, de En salvaxe compaña, Que me queres, amor?, O lapis de carpinteiro, Os libros arden mal e O último día de Terranova. Foi en catro ocasións premio da Crítica e premio Nacional de Narrativa polos relatos de Que me queres amor? O seu último libro de poemas é A boca da terra. Vén de publicar Contra Todo Isto: Un manifesto rebelde (abril, 2018) e Vivir sen permiso e outras historias do Oeste. As súas principais reportaxes están recollidas en El periodismo es un cuento. Ademais, é codirector da revista Luzes. Para Cantabile, escribiu o fermoso poema “O día e a noite”, que xa fixo a súa aparición polas redes sociais (spoiler!).

Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, A Coruña, 1961) é xornalista e poeta. Traballou a partir do
ano 1985 na Televisión de Galicia, onde desenvolveu unha polifacética e intensa actividade
profesional, especializándose na dirección e presentación de programas culturais. Xunto aos
músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, forma parte do grupo poético-musical Ouriol, co que
veñen realizando dende o ano 2000 diferentes espectáculos multidiscipinares. Asemade, como
actriz, interpreta a personaxe protagonista do filme A cicatriz branca, da directora Margarita
Ledo. Ten publicados os seguintes libros de poesía: Fuxidíos ( Esquío, 1993), Paisaxes do baleiro (Xerais,1999), A pedra insomne (Ferrol Análisis, 2002), A luz e as súas cicatrices (Esquío. 2006), Desconcerto (Biblos,2006), Poemas do Eume (Ateneo Eumés,2009), A frecha azul do Teixo (Espiral Maior, 2010), Nesta hora imposible con fotos de Mada Carballeira (Penumbra,2012), A distancia do tambor (Espiral Maior, 2014. Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio Poesía AELG) , Soño e vértice (Espiral Maior,2016. Premio Poesía Concello de Carral e Premio da Crítica española 2016), e Silencio percutido (Espiral Maior, 2016. Premio Poesía Cidade de Ourense). A súa obra para Cantabile é “Dareiche”.

Despedímonos até o venres con estas palabras tan fermosas que nos dedica Eva Veiga. Grazas!

“Teño a miña residencia dende hai moitos anos na cidade da Coruña. O meu coñecemento do
Coro Cantabile é a través de persoas que dunha maneira ou doutra teñen relación directa con
esta formación musical. E ademais sei dende hai ben tempo da excelencia deste coro e de todo
o traballo que vén desenvolvendo como asociación musical e cultural. Teño adoito escoitado
dicir a xente moi entendida que o Coro Cantabile son palabras maiores, unha opinión que
comparto absolutamente”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.