#MartesDePoetas 1: Pilar Pallarés e María Lado

Comeza outubro, e con el imos contando as horas para que chegue a presentación do noso proxecto Palabras de luz. Durante as próximas semanas presentarémosvos de xeito máis individualizado a todas as e os artistas que participaron na creación desta aventura. Os martes, toca poesía! As dúas primeiras voces, que vos presentamos coas súas propias palabras, son Pilar Pallarés e María Lado.

Pilar Pallarés naceu en Culleredo (A Coruña) en 1957. Morou en Vigo, Santiago, Lisboa, Pontedeume, e desde o 1984
no mesmo bairro da Coruña.
Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Coruña e en Santiago, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero no seu derradeiro curso como profesor. El é, xunto con Moncho Valcarce, un dos seus referentes fundamentais. Tamén o é Francisco Pillado Rivadulla, a quen debe a súa entrada no mundo literario e a publicación en 1980 do seu primeiro libro de poemas, Entre lusco e fusco. Publicou ademais Sétima soidade (1984, Premio Esquío), Livro das devoracións (1996, Premio da Crítica Galega e da Española), Poemas (2000), Leopardo son (2011, Premio da AELG) e Tempo fósil (2018, Premio da Crítica Española).
Ten feito estudos sobre Luís Seoane, Rafael Dieste, Rosalía, Cunqueiro, Manuel Antonio, Manuel María, Carvalho Calero… En 1992 preparou para a Colección Esquío unha escolma sobre a poesía deste último, Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero). Está a piques de saír outra en Chan da Pólvora baixo o título Beleza, verdade. En 1991 publicou Rosas na sombra (A poesia de Luís Pimentel).
Para Palabras de luz escribiu o poema Luz de setembro.

María Lado naceu a medio camiño entre Cee e Compostela, nun taxi. Era unha noite de abril de 1979. Comezou escribindo poesía no Batallón Literario da Costa da Morte e a día de hoxe ten seis títulos publicados. É tamén autora dunha novela, dous álbums infantís e varios textos de teatro. O espectáculo Anatomía dunha Serea, que escribiu xunto coa actriz Iria Pinheiro, foi recoñecido cun premio María Casares ao mellor guión.
Dende 2005 mantén con Lucía Aldao o dúo Aldaolado, co que levan a poesía aos escenarios de todo o país.
Para Palabras de luz escribiu o poema Rompa se ten que romper.

Esperamos que vos entusiasme tanto como a nós contar con estas grandes poetas, e con todas as que aínda nos quedan por vos presentar! Vémonos o venres, porque será o turno da música!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.