Feliz 2020!

Parece mentira o rápido que pasa o tempo. Estamos a punto de comezar o ano en que Cantabile fará a maioría de idade e, voltando a vista atrás, estamos felices de todo o que levamos conseguido: nesta década viaxamos coa nosa música por Austria, Italia, Portugal, Francia e España, gravamos varios discos, celebramos intercambios con outros coros, comezamos a tradición da Noite das Candeas, seguimos celebrando TODOS XUNTOS os aniversarios, o San Xoán ou os torneos de fútbol sala; realizamos varios concertos solidarios por ano, descubrimos de primeira man as obras de Händel, Charpentier, Fauré, Mozart, Haydn…

Sería imposíbel reunir aquí todo o vivido sen esquecer algo. Por iso, queremos deixarvos cun pequeno #10YearsChallenge, vendo dúas interpretacións dunha das obras máis divertidas do noso repertorio: The Lion Sleeps Tonight. A primeira delas, en Roma, na viaxe en que cantamos na Santa Sede; a segunda,  cantada por parte da Sección Xuvenil na V Noite das Candeas, hai apenas uns días.

Non se trata dun grande proxecto, nin de interpretacións perfectas. Porque imos crecendo, case ningunha das caras se repite. Aínda así, nos dous videos están as ganas de aprender e a alegría de saberse parte de algo grande: unha segunda familia que a música nos regala. Iso é a base de Cantabile.

Desexámosvos un feliz 2020 cheo de música en que poidades acompañarnos en moitos máis momentos. Grazas! #CantabileNonPara

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.