#FamiliaCantabile: Jesús Rodil e Lucía Cernadas

Ola de novo! Como prometéramos, hoxe traémosvos unha sorpresa para culminar a presentación dos e das artistas que participaron en #PalabrasDeLuz. Trátase de Jesús Rodil e Lucía Cernadas que, como sabedes, son da casa!
Jesús cantou moitos anos en Cantabile e foi incluso presidente da asociación, aínda que agora desenvolve a súa vida profesional como cantante e compositor no estranxeiro. Por súa vez, Lucía todavía é coralista e, ao mesmo tempo, está finalizando os seus estudos e dá os seus primeiros pasos no mundo da escrita. Para nós é un pracer darlles a oportunidade de participar nun proxecto de tan alto nivel: no éxito de Jesús, podemos comprobar como a nosa función educativa e social dá os seus froitos; no caso de Lucía, vemos como se desenvolve ese proceso de formación de primeira man. Así que, con todo o #OrgulloCantabile do mundo, dámosvos máis detalles sobre eles:Cantante, compositor e director de coro, Jesús Rodil (A Coruña, 1986) comezou os seus estudos de piano con Marta Castanedo e de canto con Pablo Carballido del Camino (claro! ;)). Perfeccionouse en Italia con Monica Bacelli, Gloria Banditelli, Gregory Bonfatti e Ester Castriota e en Francia con Rosa Dominguez, Paul Triepels e Guy Fletcher. Obtivo o título Profesional de piano e o de trompeta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e o Título Superior de Composición coa cualificación de Matrícula de Honra no Conservatorio Superior da Coruña. Como bolseiro da Fundación Pedro Barrié de la Maza realizou un mestrado en composición coral e dirección de coro con Pier Paolo Scattolin e Francesco Carluccio no Conservatorio “G. B. Martini” de Boloña. En 2016 finalizou un mestrado en canto no mesmo conservatorio e obtivo o diploma de clavicembalo con Silvia Rambaldi. En 2017 obtivo o Diploma de Estudos Musicais (DEM) do CRR de París e o Diploma de Estudios Vocais (DEV) de Notre-Dame de París.
Como cantante, participou en grande cantidade de producións en Italia, Francia ou Alemaña, tanto como solista como membro de agrupacións da altura do Cappella Amsterdam, o Carnegie-Hall Chamber Choir ou o coro da catedral de Notre Dame. En 2018 participou incluso na gravación do álbum Himmelsmusik da recoñecida agrupación L’Arpeggiata, dirixida por Christina Pluhar, xunto con Phillipe Jaroussky e Celine Scheen.
Como compositor, Jesús produciu obras para diversos tipos de agrupcións. O coro Cantabile tivo a oportunidade de estrear o seu Ave Maria (2006) e Hércules (2008), unha peza con letra de Xulio Loureiro con motivo do recoñecemento da Torre de Hércules como Patimonio da Humanidade que resultou vencedora do concurso de composición Alexandre Bóveda.

Para cámara compuxo obras como o Cuarteto Kioto (2008) para frauta, violín, viola e violonchelo –vencedora do concurso de creación musical do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol e estreada por profesores do conservatorio de Ferrol– ou Galerías (2014) para frautín solo, que foi estreada no Koninklijk Conservatorium Antwerpen por Aída López. Por último, entre as súas composicións para orquestra destacan Lugrís (2009) para gaita, orquestra de cordas, arpa, dous pianos e percusión –estreada pola orquestra do Conservatorio superior de música de A Coruña no auditorio Jofre de Ferrol e primeiro premio do XIX Concurso Internacional de composición para gaita Constantino Bellón– e Ria (2010) para orquestra sinfónica,  estreada pola orquestra do Conservatorio superior de música da Coruña na igrexa de Santo Domingo da Coruña. Para #PalabrasDeLuz, Jesús puxo música a Nacemento de Dores Tembrás e Voces baixo a Vía Láctea de Estíbaliz Espinosa.

Fotografía: Alba Carballal Muíños

Lucía Cernadas (Cecebre, Cambre, 1997)  comezou a escribir na súa adolescencia algúns relatos breves e, sobre todo, poesía. Neste ámbito, o ano 2015 gañou o primeiro premio no III Concurso escolar de poesía da Fundación Rosalía de Castro con Madrid-Atenas; no 2016 resultou vencedora do XXIII Certame literario de poesía e narración breve do concello de Cambre na modalidade de poesía por Retais de pseudoamor desgobernado; aliás, en 2017 gañou o XXIV Premio de Creación Literaria e Ensaio da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña na modalidade de poesía en galego co texto “Hai un mes que non escribo”. En 2019, Lucía auto-publicou o poemario Sutura baixo o paraugas da non-editora Leite edicións.Na actualidade, Lucía estuda na Universidade da Coruña, onde realiza simultaneamente o Grao en Inglés e o Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Igualmente, cursa quinto de grao profesional na especialidade de Guitarra no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. A isto engádese a presidencia de Cantabile desde marzo de 2019. Para #PalabrasDeLuz escribiu “Magnitude aparente”, que foi musicado por Octavio Vázquez.

Agora si que finalizan as presentacións do elenco de #PalabrasDeLuz. Aínda así, non perdades de vista as nosas redes, porque sabedes que #CantabileNonPara e menos ás portas dun concerto tan importante como a presentación deste proxecto!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.