Entrega de premios do II #CertameLiterarioCantabile

O pasado sábado celebramos a entrega de premios da segunda edición do Certame Literario Cantabile. O acto comezou ás 19:30 cunhas palabras do noso presidente, Xulio Loureiro, que destacou o impulso que Cantabile quere dar á cultura e á solidaridade con este certame. A seguir, os nosos fantásticos presentadores deste ano, Marta Fernández e Miguel No, deron a palabra a Tito Pérez como membro do xurado. Este destacou a importancia dos certames literarios para moitas persoas que comezan a escribir, o seu valor para impulsar a creación, e agradeceu a iniciativa do certame a Cantabile.

E despois, os premios! O primeiro premio que se entregou foi o de poesía na categoría A, que recibiu Raquel Cernadas Varela da man de Dores Tembrás polo seu “Bando de Borboleta”.

O segundo premio entregado, o de poesía na categoría C, foi concedido Ángel Fernández García, que non puido estar na entrega por motivos laborais, mais non por iso deixamos de escoitar o seu poema, “Osíxeno”.

O último premio da tarde recibiuno Adrián Gil Fernández polo seu relato, “De costas”, que lle entregou Óscar Castro, representante da Cociña Económica da Coruña.

Despois dos premios e a lectura dos textos gañadores, fíxose entrega a Óscar Castro dos donativos recollidos. El agradeceu de novo a iniciativa do certame e a colaboración de todas as persoas coa Cociña Económica, xa que ademais de recibir os donativos dos escritores e escritoras, moito público do acto doou alimentos.

Para cerrar o acto, o coro interpretou “Canto de berce para unha princesa negra”, “Cada noite” e “Goodnight, sweetheart”.

Grazas a todas as persoas que participastes en calquera das fases desta segunda edición do Certame Literario Cantabile, que esperamos que siga crecendo!

#CantabileSolidario

#CantabileNonPara

#IICertameLiterarioCantabile

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.