Dores Tembrás preséntanos “Nacemento”

Este sábado recibimos unha visita moi especial antes de comezar o ensaio. Dores Tembrás, poeta e nai dun dos nosos peques, veu falar sobre o texto que escribiu para o noso Proxecto da Luz. Aprendemos que “Nacemento” é un fermoso poema sobre a intimidade da nai co seu bebé recen nacido nas primeiras noites xuntos e que ese encontro é a luz que vertebra a composición. Mais, que é o Proxecto da Luz?

Desde hai case dous anos, Cantabile está a preparar unha iniciativa ambiciosa e ilusionante: un novo repertorio de música coral contemporánea en galego. Para iso, contou co traballo de doce poetas e seis compositores e compositoras que se uniron en torno ao concepto de ‘luz’. A luz une as palabras de Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Baldo Ramos, Carlos Negro, Antía Otero, Dores Tembrás, Celso Fernández Sanmartín, Eva Veiga, María Lado, Anxo Angueira e Estíbaliz Espinosa e as harmonías de Juan Durán, María Mendoza, Fernando Buíde, Federico Mosquera e Octavio Vázquez. A luz integra neste elenco a Jesús Rodil e Lucía Cernadas, membros da familia Cantabile, continuando coa nosa razón de ser: dar oportunidades ás persoas que pasan polo coro. A luz cobrará miles de matices a través das voces dos nosos mozos e mozas cando as obras compostas en exclusiva para eles se materialicen nun libro CD que será distribuído a todos os coros de Galiza. A luz permitirá que un coro infantil e xuvenil dunha pequena cidade realice un gran proxecto en favor da modernización e dignificación da música coral en lingua galega. En pouco tempo poderemos dicir de novo que sentimos un inmenso #OrgulloCantabile.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.