Concerto de solistas 2021 – parte 1

Despois de moitas semanas sen actividade, por fin voltamos polas redes, familia! A  verdade é que están a ser tempos moi complicados para organizarmos os ensaios e máis aínda os eventos, mais que vos imos contar? Xa levamos máis dun ano de montaña rusa e o traballo, diante e detrás das pantallas, resíntese. Con todo, nunca renunciamos a manter no posíbel a nosa actividade habitual, por iso hoxe fainos moita ilusión traervos algúns vídeos do noso último concerto de solistas.

Como sabedes as persoas que nos seguides desde hai anos, en Cantabile organizamos habitualmente un concerto no fin de curso, onde os membros do coro poden mostrar os seus progresos co instrumento que tocan ou coas leccións individuais de canto que reciben en diferentes conservatorios ou escolas de música. Este concerto de solistas é moi especial para nós, porque nos permite ver a evolución musical das persoas que forman o coro, mais tamén adestrar as nosas habilidades escénicas ante o público, achegarnos a novos repertorios, ou a instrumentos que non nos acompañan habitualmente, e así aprendermos en conxunto.

Nesta ocasión, polas limitacións de aforo exixidas pola situación sanitaria, decidimos limitar a asistencia de público a familiares das persoas que tocaron no concerto e a socios e socias de Cantabile. Confiemos en que axiña poidamos admitir máis xente nos nosos concertos, mais hoxe , para compensar estas limitacións, traémosvos oito vídeos do concerto. Por que oito? Pois porque nós tamén estabamos desexando facer música e finalmente xuntamos dezasete actuacións, así que, para que poidades desfrutalas todas como merecen, ímolas dividir en dúas partes.

Como veredes, esta edición estivo chea de talento e de sorpresas: Romeu, Álex e Jaime abriron a tarde con “Tulerunt Dominum Meum” de Mendelssohn, seguidos da versión de “Yesterday” ao violín de Mariña.

A seguir, Pablo Ares deunos gana de bailar co “Vals Rainha de Ases” ao acordeon, para dar paso a Irene á frauta travesa e a Jaime de novo, esta vez ao trombón.

En sétimo lugar, Lucía Aba debutou cantando ante o público coa aria de Mozart “Voi che sapete” e, a continuación, Lucía Cernadas interpretou á guitarra “Elogio de la danza”, de Leo Brouwer.

No ecuador do concerto, Marta Duckworth estreouse tamén ante o público con “Ah, non credea mirarti” da Sonnambula de Bellini.

Esperamos que desfrutedes cos vídeos! Tamén podedes encontralos directamente en Youtube, nunha listaxe de reprodución que completaremos axiña coas restantes actuacións. Vémonos axiña, familia Cantabile!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.