Concerto de clausura do XIII Curso de Canto Cantabile

Este 30 de agosto tivemos a ocasión de sentir #OrgulloCantabile unha vez máis. Un total de vinte coralistas e precoralistas participaron no XIII Curso de Canto organizado pola nosa asociación e impartido por Pablo Carballido, que ademais de ser un excelente director é tamén, como sabedes, mestre de canto con anos e anos de experiencia. Os e as vinte valentes que se inscribiron no curso recibiron tres sesións intensivas para mellorar a súa técnica vocal e mostraron os seus resultados nun concerto no cal tamén estiveron acompañados polo coro completo – coas camisetas que gañaron o concurso de deseño téxtil, ou como dicimos nós, as flamingosetas – . Por se fose pouco, puidemos gozar novamente de varias actuacións dos nosos solistas, porque en Cantabile hai toneladas de talento! Mais, como nos lembra a nosa querida Pilar Muíños, o talento non chega e o traballo é a nosa base:

https://twitter.com/pmuinos/status/1167516249502494721

A tarde comezaba co Zadok the Priest, seguida da famosa Vois sur ton chemin e unha peza de acordeón de Pablo Ares. Despois, interveu o primeiro grupo de participantes no curso con Amor ch’attendi, de  G. Caccini.

Nico, Sophia, Xiana, Mara, Noa P., Marta D., Alicia e Salma durante a súa peza

A continuación, Alejandro Carrión sorprendeunos ao piano co Pequeno preludio de J.S. Bach. O coro interveu con All things bright and beautiful, Nerea izango zen, O Sanctissima e a Pandeirada de Vilariño, intercalándose o Quia Respexit de Inés e Miguel No, o Ceibo, ceibo, Zuiñandí de Xiana e Nico e Ramón ao violín. Ademais, non puido faltar unha boa dose de voces de tenor co espectacular O sole mio de Martín e o Tu ch’hai le penne, amore do segundo grupo do curso.

Ramón, Samuel, Alejandro P. e Manuel González

Na última parte do concerto, Alejandro P. interpretou Gabriel’s Oboe, a fermosa peza da banda sonora que Ennio Morricone compuxo para The Mission. A continuación, chegou o turno dos e das peques do curso, que cantaron Ochietti Amati de Falconieri.

Pablo A., Ndeye, Candela, Marta L., Emma, Raquel e Catarina mostran os seus avances

A tarde – xa noite – finalizou co coro completo cantando “In te domine speravi” do Te Deum de Charpentier, a entrega dos diplomas do curso por parte da presidenta e o vicepresidente da asociación, Lucía Cernadas e Miguel No… e un bis: Every Breath You Take.

A clausura do curso de canto foi un peche express a unha semana intensiva; foi unha tarde chea de emocións, sorpresas, diversión e cariño por parte do público. Mil grazas a todas as persoas que enchestes Capuchiñas para arrouparnos e seguir os nosos progresos, a Ludmila Orlova por acompañarnos maxistralmente unha vez máis, e tamén aos e as participantes no curso que confiastes no traballo de Pablo; non seríamos nada sen vós!

Deixámosvos unha galería de fotos deste día tan especial. Estamos desexando que chegue o seguinte Curso de Canto Cantabile!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.