Comeza o curso 2020/2021

Ola, #FamiliaCantabile! Hoxe temos que facer un pequeno paréntese no #AniversarioVirtual para contarvos que acaba de ter lugar a Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria da nosa asociación, o principal órgano de participación das socias e socios.
Ademais de un coro que dá concertos (virtuais ou non) e programa ensaios, Cantabile é tamén unha asociación sen ánimo de lucro, con moito traballo non musical detrás. Dese traballo encárgase a Xunta Directiva, un equipo formado por coralistas e outras socias e socios que non forman parte do coro, como por exemplo pais e nais dos seus integrantes, que elixe a Asemblea. Hoxe a candidatura encabezada pola nosa presidenta, Lucía Cernadas, renovou o seu compromiso coa asociación, con pequenos cambios, mais coa mesma ilusión de sempre.
 Esta foi unha asemblea especial debido á pandemia. Estaba planeada para marzo, mais tivo que adiarse até o día de hoxe e, ademais, tivo lugar de forma non presencial, porque deste modo evítanse reunións innecesarias que poñan en perigo a saúde. Novos formatos, novas experiencias e moito aprendido para continuar traballando por este proxecto. Comezamos o curso con moita vontade e bo humor!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.