Archivo de la categoría: Palabras de luz

#MartesDePoetas 3: Manuel Rivas e Eva Veiga

Como son as cousas da tecnoloxía… Onte tivemos uns pequenos problemas técnicos e non puidemos subir a entrada correspondente ao terceiro #MartesDePoetas, mais non por iso vai quedar na recámara. Despois de todo, sempre é bo momento para a poesía!
Nesta ocasión ollamos máis de perto a traxectoria de dúas excelentes voces coruñesas que participaron en #PalabrasDeLuz: Manuel Rivas e Eva Veiga.

Manuel Rivas naceu na Coruña en outubro de 1957. Cofundador da revista poética clandestina
Loia (1975), a súa primeira obra de poemas foi o Libro do Entroido (1981). Unha mostra da súa poesía está recollida nas escolmas O pobo da noite, Do descoñecido ao descoñecido e A desaparición da neve. Como narrador é autor, entre outras, de En salvaxe compaña, Que me queres, amor?, O lapis de carpinteiro, Os libros arden mal e O último día de Terranova. Foi en catro ocasións premio da Crítica e premio Nacional de Narrativa polos relatos de Que me queres amor? O seu último libro de poemas é A boca da terra. Vén de publicar Contra Todo Isto: Un manifesto rebelde (abril, 2018) e Vivir sen permiso e outras historias do Oeste. As súas principais reportaxes están recollidas en El periodismo es un cuento. Ademais, é codirector da revista Luzes. Para Cantabile, escribiu o fermoso poema “O día e a noite”, que xa fixo a súa aparición polas redes sociais (spoiler!).

Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, A Coruña, 1961) é xornalista e poeta. Traballou a partir do
ano 1985 na Televisión de Galicia, onde desenvolveu unha polifacética e intensa actividade
profesional, especializándose na dirección e presentación de programas culturais. Xunto aos
músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, forma parte do grupo poético-musical Ouriol, co que
veñen realizando dende o ano 2000 diferentes espectáculos multidiscipinares. Asemade, como
actriz, interpreta a personaxe protagonista do filme A cicatriz branca, da directora Margarita
Ledo. Ten publicados os seguintes libros de poesía: Fuxidíos ( Esquío, 1993), Paisaxes do baleiro (Xerais,1999), A pedra insomne (Ferrol Análisis, 2002), A luz e as súas cicatrices (Esquío. 2006), Desconcerto (Biblos,2006), Poemas do Eume (Ateneo Eumés,2009), A frecha azul do Teixo (Espiral Maior, 2010), Nesta hora imposible con fotos de Mada Carballeira (Penumbra,2012), A distancia do tambor (Espiral Maior, 2014. Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio Poesía AELG) , Soño e vértice (Espiral Maior,2016. Premio Poesía Concello de Carral e Premio da Crítica española 2016), e Silencio percutido (Espiral Maior, 2016. Premio Poesía Cidade de Ourense). A súa obra para Cantabile é “Dareiche”.

Despedímonos até o venres con estas palabras tan fermosas que nos dedica Eva Veiga. Grazas!

“Teño a miña residencia dende hai moitos anos na cidade da Coruña. O meu coñecemento do
Coro Cantabile é a través de persoas que dunha maneira ou doutra teñen relación directa con
esta formación musical. E ademais sei dende hai ben tempo da excelencia deste coro e de todo
o traballo que vén desenvolvendo como asociación musical e cultural. Teño adoito escoitado
dicir a xente moi entendida que o Coro Cantabile son palabras maiores, unha opinión que
comparto absolutamente”

#VenresDeCompositores 2: Fernando Buíde

Voltamos aos venres musicais para presentarvos a un segundo compositor que participou connosco en #PalabrasDeLuz. Neste caso, ademais, a súa axuda foi moi importante para coordinar o resto dos seus colegas. Falamos de Fernando Buíde del Real.

Fernando Buíde naceu en Santiago de Compostela en 1980. A súa música ten sido programada por gran parte das principais orquestras españolas (Euskadi, Bilbao, Navarra, Sinfónica de Madrid, Sevilla, Rtve, Tenerife, Jonde, Gran Canaria, Asturias…) así como outras internacionais como a Sinfónica de Pittsburgh ou Minnesota. Traballou con directores como Osmo Vänska, Libor Pések, Dima Slobodeniouk, Rossen Milanov, Pablo González, Martínez Izquierdo, José Ramón Encinar, Miguel Hart-Bedoya, Erik Nielsen, Clemens Schuldt ou Lorenzo Viotti; a súa relación co mestre Paul Daniel é particularmente estreita su relación con el maestro Paul Daniel: el dirixiu até cuatro estreas absolutas do autor con formacións como o Coro y Orquesta de la Comunidad de Madrid ou a Real Filharmonía de Galicia.

Doutor por la universidad de Yale, Buide estudou tamén na Universidade Carnegie Mellon de Pittsburgh así como nos conservatorios de Oviedo e Santiago de Compostela, a súa cidade natal, onde se formou como compositor, pianista e organista. Entre os seus mestres de composición destacan Leonardo Balada, Martin Bresnick, Ezra Ladermann e Aaron Kernis. Estudou piano con Tsiala Kvernadze e Lidia Stratulat e órgano con Antonio Díaz Corveiras e Donald Wilkins.

Gañador de numerosos premios, a súa música ten sido programada en diversos festivais como Granada, Quincena Musical Donostiarra, Cádiz, San Sebastián, El Escorial, Dartington ou New Music New Haven; incluso os festivais Via Stellae e Are More dedicaron monográficos á súa música. Na actualidade prepara a estrea da súa ópera A amnesia de Clío, que teremos a sorte de poder ver o martes 12 de novembro no Teatro Colón! Podedes adquirir as entradas premendo aquí.

Vémonos a semana próxima con máis nomes de #PalabrasDeLuz. Cada vez falta menos para a grande estrea! Prestade atención ás nosas redes e a páxina, porque vén algo moi grande! #CantabileNonPara

#MartesDePoetas 2: Dores Tembrás e Antía Otero

Estamos de volta con máis presentacións de artistas que participaron en Palabras de luz. Este martes achegámonos a dúas escritoras moi especiais: Dores Tembrás e Antía Otero. Ambas dirixen desde 2014 o proxecto Apiario, unha editora que realiza traballos coidados en cada detalle que é tamén escola de escrita creativa e poética, algo único na Galiza. Por cada unha das facetas do seu traballo, as dúas teñen recibido diversos premios. Ademais, Dores é nai dun dos nosos #PequesCantabile, así que xa forma parte da familia!

Dores Tembrás naceu en Bergondiño en 1979. Licenciouse en Filoloxía Hispánica en 2001 e en 2008, despois de anos investigando e diferentes estadías en Suecia, Madrid e Buenos Aires defendeu a súa tese doutoral: La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro. En 2009 publicou o seu primeiro poemario, O pouso do fume. A partir dese momento sucédense os traballos poéticos: Esquiagrafías, Diapositivas a clareo, Silabario e Opium. En 2013 gañou o Premio de Poesía Concello de Carral co libro Cronoloxía da urxencia e en 2016 publicou a plaquette Auga a través. O seu primeiro libro de poesía infantil, O peizoque Roque, ve a luz en 2012. No eido da traducción, en 2017 publica como froito do V Obradoiro Internacional de Traducción poética en San Simón , o libro Cartografías Subterráneas. O seus textos foron traducidos a diversas linguas (vasco, catalán, español, inglés, ucraíno, croata, búlgaro e estonio) e incluidos en revistas, obras colectivas e antoloxías de difusión internacional. A obra que escribiu para Palabras de luz é “Nacemento”

Fotografía de Tamara de la Fuente

Antía Otero naceu na Estrada en 1982. É licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola USC, Mestrado en Práctica Escénica e Cultura Visual de Artea, e en Historia e Estética do Cinema pola Universidade de Valladolid. Como poeta foi gañadora do VII Certamen Francisco Añón de Poesía co poemario De porta un horizonte, publicou O Son da Xordeira en Espiral Maior no 2003, e en Xerais (Retro)visor (Finalista ao mellor libro de poesía nos Premios AELG 2010) e O cuarto das abellas no 2016 (Premio II Gala do libro Galego na modalidade de poesía). O branco non pinta (2016) editado por Apiario é a súa primeira incursión no terreo da literatura infantil e xuvenil. A súa obra pode lerse tamén en publicacións colectivas, antoloxías e revistas. O seu poema para Palabras de luz titúlase “Luz de anainar”.

Non podemos sentir máis orgullo por contar con persoas como elas neste proxecto, e aínda nos emocionamos máis pensando en todos os nomes que estamos a punto de vos descubrir! Vémonos nuns días cun novo #VenresDeCompositores. #CantabileNonPara!

 

 

#VenresDeCompositores 1: Federico Mosquera

Hoxe é o turno do primeiro dos compositores que participaron en Palabras de luz. Trátase de Federico Mosquera, que puxo música a Luz de setembro, de Pilar Pallarés, e A árbore da cegueira, de Baldo Ramos, a quen nos achegaremos en próximos #MartesDePoetas.

 

Federico Mosquera Martínez naceu na Coruña en 1986. Activo como pianista e compositor, as súas obras teñen sido interpretadas en Portugal, España, Francia, Reino Unido, Italia, Países Baixos, Estonia e China. De entre elas, destacan a estrea en Rotterdam do Concerto para Clarinete Baixo e orquestra de corda (2013) a cargo do clarinetista Igor Urruchi, e a estrea en china do arranxo para conxunto de ventos a cargo do clarinetista baixo Henri Bok. Tamén salienta a estrea coa Real Filharmonía de Galicia do Concertino para orquestra de corda (2011) dirixido por Maximino Zumalave. A Orquestra Sinfónica de Galicia interpretou en primicia os seus Tres movementos sinfónicos (2012) dirixidos por Víctor Pablo Pérez, Rituales y sortilegios (2015, obra por encargo da Fundación SGAE e a AEOS) dirixida por Dima Slobodeniouk, e o seu Concerto para Tuba (2016), dirixido por José Trigueros como Jesper Boile Nielsen como solista.

Fotografía: Petar Stoykov

No ámbito da música de cámara destaca a estrea dos seus quintentos de vento Ignis et Terra (2015, obra encargo do CNDM) polo quinteto Zoar nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela (2015) e Café Madrid 1916 (baixo encargo da ORCAM), interpretada por un septeto de solistas da ORCAM no auditorio da Fundación Canal de Madrid.

Formado como pianista nos conservatorios da Coruña, Cracovia e Rotterdam, bolseiro da fundación Barrié de la Maza, estudou con mestres como Mercedes Goicoa, Andrzej Pikul e Jean-Bernard Pommier. Tocou en importantes salas como a Casa da Música (Porto), a Jurriaanse e a Grote zaal do Doelen (Rotterdam) e en festivais como Harmos festival 2010, Festival Repeat 2011, Festival de músicos de Cámara da Haia (2013), Festival Gergiev 2013 e o Piano duo Festival (2014) en Amsterdam.

Actualmente combina a súa actividade como pianista e compositor co traballo como Artistic Research Coach en Codarts, Conservatorio de Rotterdam. Mantén a páxina web www.federicomosquera.com

A semana que vén daremos máis nomes do excepcional equipo que fixo posíbel Palabras de luz. Vémonos o martes! #CantabileNonPara

 

 

#MartesDePoetas 1: Pilar Pallarés e María Lado

Comeza outubro, e con el imos contando as horas para que chegue a presentación do noso proxecto Palabras de luz. Durante as próximas semanas presentarémosvos de xeito máis individualizado a todas as e os artistas que participaron na creación desta aventura. Os martes, toca poesía! As dúas primeiras voces, que vos presentamos coas súas propias palabras, son Pilar Pallarés e María Lado.

Pilar Pallarés naceu en Culleredo (A Coruña) en 1957. Morou en Vigo, Santiago, Lisboa, Pontedeume, e desde o 1984
no mesmo bairro da Coruña.
Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Coruña e en Santiago, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero no seu derradeiro curso como profesor. El é, xunto con Moncho Valcarce, un dos seus referentes fundamentais. Tamén o é Francisco Pillado Rivadulla, a quen debe a súa entrada no mundo literario e a publicación en 1980 do seu primeiro libro de poemas, Entre lusco e fusco. Publicou ademais Sétima soidade (1984, Premio Esquío), Livro das devoracións (1996, Premio da Crítica Galega e da Española), Poemas (2000), Leopardo son (2011, Premio da AELG) e Tempo fósil (2018, Premio da Crítica Española).
Ten feito estudos sobre Luís Seoane, Rafael Dieste, Rosalía, Cunqueiro, Manuel Antonio, Manuel María, Carvalho Calero… En 1992 preparou para a Colección Esquío unha escolma sobre a poesía deste último, Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero). Está a piques de saír outra en Chan da Pólvora baixo o título Beleza, verdade. En 1991 publicou Rosas na sombra (A poesia de Luís Pimentel).
Para Palabras de luz escribiu o poema Luz de setembro.

María Lado naceu a medio camiño entre Cee e Compostela, nun taxi. Era unha noite de abril de 1979. Comezou escribindo poesía no Batallón Literario da Costa da Morte e a día de hoxe ten seis títulos publicados. É tamén autora dunha novela, dous álbums infantís e varios textos de teatro. O espectáculo Anatomía dunha Serea, que escribiu xunto coa actriz Iria Pinheiro, foi recoñecido cun premio María Casares ao mellor guión.
Dende 2005 mantén con Lucía Aldao o dúo Aldaolado, co que levan a poesía aos escenarios de todo o país.
Para Palabras de luz escribiu o poema Rompa se ten que romper.

Esperamos que vos entusiasme tanto como a nós contar con estas grandes poetas, e con todas as que aínda nos quedan por vos presentar! Vémonos o venres, porque será o turno da música!