Arquivo da categoría: Palabras de luz

Feliz día das letras galegas

Hoxe é o Día das Letras Galegas, unha data sinalada nos nosos calendarios. Cada dezasete de maio recoñecemos a riqueza que supon ter unha lingua propia, homenaxeamos unha persoa que contribuiu especialmente á cultura galega e recoñecemos o seu labor; este ano é o turno de Ricardo Carvalho Calero.

Lembrar o pasado é tremendamente importante, porque sempre podemos extraer algunha lección de actualidade. Mais, ademais, en Cantabile estamos convencidos de que unha cultura viva é aquela que tamén escoita e apoia as persoas que contribúen a ela no presente. Así, co compromiso de que a música e os versos de artistas galegas actuais chegasen ben lonxe, embarcámonos en #PalabrasdeLuz. Por iso, nestes días atípicos en que a nosa idea non se pode materializar en concertos, compartimos convosco a gravación do álbum: clicade aquí.

Agradecemos inmensamente a Juan Durán, Maria Mendoza, Federico Mosquera, Fernando Buide, Eva Veiga, Antía Otero, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Baldo Ramos, Celso Fernández Sanmartín, Lucía Cernadas, Dores Tembrás, Anxo Angueira, Pilar Pallarés, María Lado, Manuel Rivas, Octavio Vázquez e Jesús Rodil que se embarcasen connosco nesta aventura. Por suposto, tamén sentimos orgullo e agradecemento por todos e todas as coralistas, o noso director, a nosa pianista, os membros da directiva e todas as persoas que fixeron posíbel algo así. Esperamos poder facer música xuntas canto antes! Entretanto, quedamos ben acompañadas pola música e a palabra.

Suavizando o confinamento. Libro Palabras de luz

Feliz día do libro!

Coa intención de que vos sintades acompañadas nestes momentos por nós e por todas as persoas que colaboraron co noso último proxecto, compartimos convosco o libro Palabras de luz, que ademais acaba de ser nominado aos Premios Martín Códax. Que mellor día que hoxe para amosarvos o noso orgullo?

Podedes ver e descargar o libro neste enlace

 

 

Coro Cantabile_Palabras de Luz

Moito ánimo para estes días!

Estrea de Palabras de Luz no Teatro Colón

Ola, #FamiliaCantabile! Esperamos que esta entrada vos encontre moi ben nas vosas casas. Estes días nós tamén tivemos tempo para pór a nosa conta de YouTube ao día e xa podemos compartir convosco todos os vídeos do concerto de presentación de Palabras de luz. Foi un día moi especial!

Deixámosvos con eles. Primeiro, o discurso da nosa presidenta, Lucía Cernadas, e o noso vicepresidente, Miguel Nó:

A seguir, as doce pezas que compoñen o traballo e que xa podedes escoitar nunha listaxe de reprodución. Clic!

E por último, un último vídeo que fala por si só: os vosos aplausos finais, mentres no escenario nos acompañaban as e os artistas que puideron asistir á estrea e escoitar por primeira vez o seu traballo. Máis unha vez, grazas, grazas, grazas!

Esperamos que rememorar este concerto vos guste tanto como a nós. Oxalá poidamos xuntarnos a cantar axiña. Unha aperta, #FamiliaCantabile!

Presentación de “Palabras de luz”: galería de imaxes

Aínda estamos procesando o emocionante que foi o concerto de presentación de Palabras de luz. Estamos enormemente agradecidas a todas as persoas que fixeron que este proxecto sexa hoxe unha realidade: artistas, coralistas e familias, o noso director Pablo Carballido, a pianista María Keilin, as institucións que nos apoiaron, as persoas encargadas do deseño dos materiais e de nos asesorar e, por suposto, ao público que encheu o Teatro Colón este 20 de novembro, nun acto tan especial. Agora toca sumerxirse na preparación do Nadal, mais tamén en facer chegar ás corais o noso traballo en forma de libro-CD durante as próximas semanas. Xa sabedes, Cantabile non para!
Deixámosvos cunha galería de imaxes do concerto, realizadas por Moncho Fuentes. Esperamos que vos gusten tanto como a nós!

O pase de diapositivas require JavaScript.

#FamiliaCantabile: Jesús Rodil e Lucía Cernadas

Ola de novo! Como prometéramos, hoxe traémosvos unha sorpresa para culminar a presentación dos e das artistas que participaron en #PalabrasDeLuz. Trátase de Jesús Rodil e Lucía Cernadas que, como sabedes, son da casa!
Jesús cantou moitos anos en Cantabile e foi incluso presidente da asociación, aínda que agora desenvolve a súa vida profesional como cantante e compositor no estranxeiro. Por súa vez, Lucía todavía é coralista e, ao mesmo tempo, está finalizando os seus estudos e dá os seus primeiros pasos no mundo da escrita. Para nós é un pracer darlles a oportunidade de participar nun proxecto de tan alto nivel: no éxito de Jesús, podemos comprobar como a nosa función educativa e social dá os seus froitos; no caso de Lucía, vemos como se desenvolve ese proceso de formación de primeira man. Así que, con todo o #OrgulloCantabile do mundo, dámosvos máis detalles sobre eles:Cantante, compositor e director de coro, Jesús Rodil (A Coruña, 1986) comezou os seus estudos de piano con Marta Castanedo e de canto con Pablo Carballido del Camino (claro! ;)). Perfeccionouse en Italia con Monica Bacelli, Gloria Banditelli, Gregory Bonfatti e Ester Castriota e en Francia con Rosa Dominguez, Paul Triepels e Guy Fletcher. Obtivo o título Profesional de piano e o de trompeta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e o Título Superior de Composición coa cualificación de Matrícula de Honra no Conservatorio Superior da Coruña. Como bolseiro da Fundación Pedro Barrié de la Maza realizou un mestrado en composición coral e dirección de coro con Pier Paolo Scattolin e Francesco Carluccio no Conservatorio “G. B. Martini” de Boloña. En 2016 finalizou un mestrado en canto no mesmo conservatorio e obtivo o diploma de clavicembalo con Silvia Rambaldi. En 2017 obtivo o Diploma de Estudos Musicais (DEM) do CRR de París e o Diploma de Estudios Vocais (DEV) de Notre-Dame de París.
Como cantante, participou en grande cantidade de producións en Italia, Francia ou Alemaña, tanto como solista como membro de agrupacións da altura do Cappella Amsterdam, o Carnegie-Hall Chamber Choir ou o coro da catedral de Notre Dame. En 2018 participou incluso na gravación do álbum Himmelsmusik da recoñecida agrupación L’Arpeggiata, dirixida por Christina Pluhar, xunto con Phillipe Jaroussky e Celine Scheen.
Como compositor, Jesús produciu obras para diversos tipos de agrupcións. O coro Cantabile tivo a oportunidade de estrear o seu Ave Maria (2006) e Hércules (2008), unha peza con letra de Xulio Loureiro con motivo do recoñecemento da Torre de Hércules como Patimonio da Humanidade que resultou vencedora do concurso de composición Alexandre Bóveda.

Para cámara compuxo obras como o Cuarteto Kioto (2008) para frauta, violín, viola e violonchelo –vencedora do concurso de creación musical do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol e estreada por profesores do conservatorio de Ferrol– ou Galerías (2014) para frautín solo, que foi estreada no Koninklijk Conservatorium Antwerpen por Aída López. Por último, entre as súas composicións para orquestra destacan Lugrís (2009) para gaita, orquestra de cordas, arpa, dous pianos e percusión –estreada pola orquestra do Conservatorio superior de música de A Coruña no auditorio Jofre de Ferrol e primeiro premio do XIX Concurso Internacional de composición para gaita Constantino Bellón– e Ria (2010) para orquestra sinfónica,  estreada pola orquestra do Conservatorio superior de música da Coruña na igrexa de Santo Domingo da Coruña. Para #PalabrasDeLuz, Jesús puxo música a Nacemento de Dores Tembrás e Voces baixo a Vía Láctea de Estíbaliz Espinosa.

Fotografía: Alba Carballal Muíños

Lucía Cernadas (Cecebre, Cambre, 1997)  comezou a escribir na súa adolescencia algúns relatos breves e, sobre todo, poesía. Neste ámbito, o ano 2015 gañou o primeiro premio no III Concurso escolar de poesía da Fundación Rosalía de Castro con Madrid-Atenas; no 2016 resultou vencedora do XXIII Certame literario de poesía e narración breve do concello de Cambre na modalidade de poesía por Retais de pseudoamor desgobernado; aliás, en 2017 gañou o XXIV Premio de Creación Literaria e Ensaio da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña na modalidade de poesía en galego co texto “Hai un mes que non escribo”. En 2019, Lucía auto-publicou o poemario Sutura baixo o paraugas da non-editora Leite edicións.Na actualidade, Lucía estuda na Universidade da Coruña, onde realiza simultaneamente o Grao en Inglés e o Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Igualmente, cursa quinto de grao profesional na especialidade de Guitarra no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. A isto engádese a presidencia de Cantabile desde marzo de 2019. Para #PalabrasDeLuz escribiu “Magnitude aparente”, que foi musicado por Octavio Vázquez.

Agora si que finalizan as presentacións do elenco de #PalabrasDeLuz. Aínda así, non perdades de vista as nosas redes, porque sabedes que #CantabileNonPara e menos ás portas dun concerto tan importante como a presentación deste proxecto!

#MartesDePoetas 6: Anxo Angueira

Chegamos ao último #MartesDePoetas. Durante estas semanas fomos coñecendo as voces que participarán no proxecto #PalabrasDeLuz, e agora só queda esperar á grande estrea!

Antes de máis, unha advertencia: até o de agora presentamos dous escritores ou escritoras por semana, así que quizais vos resulte estraño que hoxe presentemos unicamente a Anxo Angueira, mais non vos preocupedes, que dan as contas: o venres témosvos preparada unha pequena sorpresa 😉

Anxo Angueira Viturro (Manselle – Dodro, 1961) é doutor en Filoloxía Galega e profesor da Universidade de Vigo.
No ámbito da creación literaria publicou obras poéticas e narrativas:
Val de Ramirás (1989), O valo de Manselle (Xerais, 1996), Bágoas de facer illas (Xerais, 1997), Libro da Vertixe (1997), Pensa nao (Premio Xerais de Novela 1999), Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002), A morte de A. (Xerais, 2003), Fóra do sagrado (Xerais, 2007) e Iria (2012). Como ensaísta, ademais dos seus estudos sobre Méndez Ferrín (A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego), vén centrando as súas investigacións na época do Rexurdimento: publicou Das copras de Sarmiento aos cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013), Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), realizou as edicións críticas de Cantares gallegosFollas novas e En las orillas de Sar e publicou diferentes traballos sobre Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Fernández Morales. Ademais, desde 2012 preside a Fundación Rosalía de Castro. Froito da súa dedicación á figura desta escritora nace o poema que Angueira escribiu para Cantabile: “A Fondóns non arriban as dornas”, con música de Fernando Buide.

Estamos desexando que escoitedes o resultado de #PalabrasDeLuz, unha realidade que sería imposíbel sen os e as artistas de primeiro nivel que nos acompañan. Lembrade prestar atención ás nosas redes o venres! #CantabileNonPara

#VenresDeCompositores 5: Octavio Vázquez

Comeza novembro e con el a conta atrás para a presentación de #PalabrasDeLuz. Só quedan 20 días. Como sabedes que #CantabileNonPara nin sequera en feriado, traémosvos desde o outro lado do océano Atlántico o penúltimo nome que nos queda por coñecer do elenco de compositores que participaron en #PalabrasDeLuz. Trátase de Octavio Vázquez.

Aclamado pola prensa como “… un facho aceso para o próximo século … impresionante … soberbio” (The New Music Connoisseur, Nova York), “… melodicismo e flutuabilidade rítmica” (The New York Times), “… sorprendentemente virtuosístico” (Soundboard Magazine), a música de Octavio Vazquez ten sido interpretada en Norteamérica, Europa e Asia, en salas como o Carnegie Hall, o Auditorio Nacional de España, ou o Instituto Estatal das Artes de Rusia. Os intérpretes da súa obra inclúen mestres como Dima Slobodeniouk, Carlos Kalmar, Paul Daniel, Maximino Zumalave, Rossen Milanov e Víctor Pablo Pérez, e solistas como Hilary Hahn, Cristina Pato, Dmitri Berlinsky, Jonathan Gandelsman, Adam Levin e Eldar Nebolsin.

A súa música foi gravada por selos como Naxos e Delos e por compañías nacionais de radio e televisión nos EEUU, España, Rusia e China. Gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, recibiu encargos do Consello das Artes de Nova York, New Music USA, Michigan State University, Orquestra Sinfónica da RTVE, Real Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Galicia, Consello da Cultura Galega, Meet the Composer, e as Fundacións Fulbright e Chi-Mei, entre outros. Recentemente ten sido honrado coas residencias MacDowell, I-Park e VCCA. Actualmente é profesor e director do programa de composición da universidade Nazareth College de Rochester, NY.

Esperamos que disfrutedes desta longa fin de semana e collades forzas, porque entramos na recta final! #PalabrasDeLuz está cada vez máis próximo!

#MartesDePoetas 5: Carlos Negro e Baldo Ramos

Entramos xa na recta final a medida que se achega novembro. Que emoción!
Nesta ocasión presentámosvos a dous escritores que crearon textos ben diferentes para #PalabrasDeLuz. Falamos de Carlos Negro, coa súa “Lampírica do Pirilampo”, e Baldo Ramos, con “A árbore da cegueira”.
Carlos Negro ​(Lalín, 1970) é docente e escritor; da súa autoría son obras como Far-West ​ (2001), ​Makinaria ​ (2009)​, Penúltimas tendencias ​ (​Premio da AELG á​mellor obra de literatura infantil e xuvenil do ano 2014​) ou ​Masculino singular (2016) ​; iniciouse no xénero poético con ​as laranxas de alí babá ​ (1998). Recibiu tamén o premio​Johán Carballeira ​ polo poemario​Héleris ​ (2003)​, ​ o​ Vitoriano Taibo por​Cultivos transxénicos ​ (2008) e o ​Fiz Vergara Vilariño ​ por ​Tundra ​ (2017) ​. ​ Ensaiou o xénero satírico no dicionario ​Abelcebú (2010)​, ​ de carácter burlesco; tamén no 2017, formou parte do proxecto colectivo ​Os ​ ​aforismos do riso futurista, ​ publicado por Xerais. No ano 2018 recibiu o galardón ao​ autor do ano dos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares de Galicia, polo seu fomento dos hábitos lectores entre a mocidade a través do xénero poético, así como o ​Premio Jules Verne ​ de literatura xuvenil, pola obra Aplicación instantánea ​ (2018). Como elemento complementario do seu labor creativo, desenvolve un achegamento da poesía á mocidade, a través de recitais e obradoiros en institutos de toda Galicia; visita con frecuencia os clubs de lectura escolares, establecendo un diálogo sen prexuízos con respecto á poesía, entendida como un xénero aberto, imaxinativo e ao alcance de públicos non especializados na lectura académica. Así mesmo, en colaboración coa AELG e diversos concellos do país, ten impartido obradoiros de creación literaria para adultos. As súas experiencias didácticas neste eido recóllense no ensaio “​Ler poesía tampouco é para tanto”, publicado en ​Poesía Hexágono. ​Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas (Apiario, 2015)

Por súa vez, Baldo Ramos (Celanova, 1971) exerce a docencia no IES de Sar de Santiago de Compostela, mais alén diso cultiva a poesía  e a arte plástica. A súa obra poética está formada polos seguintes títulos: Raizames (2001), A árbore da cegueira (2002), Los ojos de las palabras (2002), El sueño del murciélago (2003), Diario de una despedida (2005), Escura e transparente (2005), O ourego e o compás (2006), Branco sobre negro (2007), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (Vigo, 2018) e Palabras sen ninguén (Madrid, 2019). Con outros artistas e escritores ten publicado: Os ollos das palabras (2012) con Caxigueiro, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (2014) e As raiceiras do frío (2016) con Carlos González Villar, CaRa inversa (2014) e librosconversos (2016) con Xosé Mª Álvarez Cáccamo e 1+1=3 (2015) con Franck Meyer.
Recibiu os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e ten sido accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés. A súa obra poética aparece en antoloxías como Enfocarte (na rede, ed. Teresa Seara, 2002), Poetas en blanco y negro (ed. Amalia Iglesias Senra, Madrid, 2006),Veinte puntos de fuga (ed. Teresa Seara, Caracas, 2011), Antoloxía dereferencia (ed. Carlos Arias-Mariña Pérez Rei, Santiago, 2012), Novas de poesía. 17 poetas (ed. Ana Gorría, Lugo, 2013) ou Migrant Shores, (ed. Manuela Palacios, Salmon Poetry, Dublín, 2017).
A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en diferentes galerías, museos e feiras de arte de todo Estado.

Estas presentacións están demostrando que contamos coa colaboración de artistas excepcionais. Non poderíamos ser máis afortunados de contar con eles para #PalabrasDeLuz. Vémonos o venres con outro nome en primicia! #CantabileNonPara

#VenresDeCompositores 4: María Mendoza

Hoxe pasamos o ecuador das presentacións das artistas de #PalabrasDeLuz coñecendo a María Mendoza, unha compositora galega de acollida que axiña se ilusionou tanto coma nós por este proxecto e musicou os poemas “Dareiche”, de Eva Veiga, e “Rompa se ten que romper”, de María Lado.


María naceu en Oviedo en 1975. É licenciada en Belas Artes e Titulada Superior de Piano, Música de Cámara e Solfexo,  Repentización e Transporte  e membro da Asociación Galega de Compositores e Compositoras.
A súa actividade profesional divídese entre a docencia, a composición e a interpretación, destacando a súa faceta creativa, tanto compositiva como interpretativa. Compuxo a música de series e curtas de animación, emitidas e premiadas en televisións de todo o mundo. Ademais, é compositora de música clásica contemporánea, interpretada en España, Francia, Turquía e Italia, entre otros, e editada por Dos Acordes, Armonía Universal, Periferia Música, ediciones Robert Martin, Música Neo e a Consellería de Cultura de Galicia.
Durante a súa traxectoria, Mendoza ten recibido varios galardóns: primeiro premio pola súa obra para Banda Sinfónica “A Raíña Lupa” no V Concurso de Composición para Banda “Josep María Lleixà Subirats” (2018), segundo premio no I Concurso de Composición Internacional  Hélianthe (2016) e o terceiro premio no concurso de composición “Galician Folk Songs” (2015).
Os seus discos, Intro (2016) e Nova (2017), editados pola discográfica ourensá Arteficción, poden escoitarse en todas as plataformas dixitais e nos concertos que ofrece na actualidade, acompañada da actriz Nate Borrajo.

Seguimos tecendo a chegada deste ilusionante proxecto. Até a semana que vén! #CantabileNonPara