Ola de novo, #FamiliaCantabile!
Os últimos meses foron de moitas mudanzas e incertezas. Todo o mundo tivo que frear e tamén nós tivemos que aguantar sen facer o que máis nos gusta: cantar. Con todo, despois de que a situación causada pola COVID-19 mellorase (malia que aínda é necesario manter a precaución e cumprir as normas de hixiene e distanciamento social), Cantabile comezou a coller ritmo e reprogramar pouco a pouco as actividades que foran canceladas.
O primeiro que fixemos foi retomar os ensaios. Coas debidas medidas de seguridade e nun espazo amplo como é a igrexa das Capuchiñas da Coruña, organizamos varias sesións de traballo vocal en pequenos grupos para recuperarmos a forma. Despois de tanto tempo na casa, había moito que traballar!
Despois desta toma de contacto, non tardou en chegar a primeira actuación post-confinamento: o concerto Coruña Orgullosa, organizado polo Concello da Coruña con motivo do Orgullo LGTBI 2020. Así o recollía a concelleira de Igualdade, Yoya Neira:
Como dijo una de las integrantes de esa maravilla llamada @Coro_Cantabile: "Algunas ya hemos nacido orgullosas".
— Yoya Neira Fernández (@YoyaNeira) July 10, 2020
Que no perdamos nunca el orgullo de ser y dejar ser, de querer y dejar querer.
Grandes Guadi Galego, Marián Ledesma y Cantábile!!#CoruñaOrgullosa @coruna_social pic.twitter.com/3n4NmkQTE2
Con máscaras, nun grupo reducido e nun exterior privilexiado, o castelo de Santo Antón, interpretamos obras variadas e deixamos claro que #OrgulloCantabile tamén é reivindicarmos a igualdade e o respecto para todas as persoas independentemente da súa orientación ou condición sexual.
Coas baterías cargadas tras este retorno, xa temos o ollo posto nos próximos eventos: o concerto de non-aniversario (non-aniversario? Que será, será…?) e a próxima edición da Noite das Candeas. Se as circunstancias o permitiren, verémonos axiña, familia! #CantabileNonPara