Archivo de la categoría: Cantabile

Dores Tembrás preséntanos “Nacemento”

Este sábado recibimos unha visita moi especial antes de comezar o ensaio. Dores Tembrás, poeta e nai dun dos nosos peques, veu falar sobre o texto que escribiu para o noso Proxecto da Luz. Aprendemos que “Nacemento” é un fermoso poema sobre a intimidade da nai co seu bebé recen nacido nas primeiras noites xuntos e que ese encontro é a luz que vertebra a composición. Mais, que é o Proxecto da Luz?

Desde hai case dous anos, Cantabile está a preparar unha iniciativa ambiciosa e ilusionante: un novo repertorio de música coral contemporánea en galego. Para iso, contou co traballo de doce poetas e seis compositores e compositoras que se uniron en torno ao concepto de ‘luz’. A luz une as palabras de Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Baldo Ramos, Carlos Negro, Antía Otero, Dores Tembrás, Celso Fernández Sanmartín, Eva Veiga, María Lado, Anxo Angueira e Estíbaliz Espinosa e as harmonías de Juan Durán, María Mendoza, Fernando Buíde, Federico Mosquera e Octavio Vázquez. A luz integra neste elenco a Jesús Rodil e Lucía Cernadas, membros da familia Cantabile, continuando coa nosa razón de ser: dar oportunidades ás persoas que pasan polo coro. A luz cobrará miles de matices a través das voces dos nosos mozos e mozas cando as obras compostas en exclusiva para eles se materialicen nun libro CD que será distribuído a todos os coros de Galiza. A luz permitirá que un coro infantil e xuvenil dunha pequena cidade realice un gran proxecto en favor da modernización e dignificación da música coral en lingua galega. En pouco tempo poderemos dicir de novo que sentimos un inmenso #OrgulloCantabile.

Cantabileando 2019. Capítulo I: Sevilla

A xente que nos segue habitualmente sabe que, cando temos oportunidade, levamos a nosa música a calquera lugar. Este ano, ademais de estar planificando o noso #Cantabileando de verán, aproveitamos para aceptar a invitación de cantar en Sevilla na ponte de entroido.

O sábado 2 de febreiro madrugamos para citarnos na Casa dos Peixes, onde nos esperaba o autobús que nos levaría ao noso albergue en Sanlúcar la Mayor. Fixemos as paradas xustas porque non había tempo que perder: o día seguinte había concerto.

Iglesia de la Magdalena

O domingo de mañá entramos no centro da capital andaluza cos nosos novos uniformes de viaxe: a camiseta gañadora do concurso, ideada por Mariana e Valeria, e a suadeira co noso logo e os símbolos feitos por Alba Carballal: compañeirismo, aprendizaxe, e viaxes. O sol acompañounos na nosa visita ao barrio de Triana, onde, como non, cantamos en cada recanto.

Iglesia del Santo Ángel. Final de la Misa Cantada

Pouco despois dirixímonos á impoñente igrexa do Santo Ángel, onde cantamos a misa que, a xulgar polas palabras do seu párroco, Juan Dobado, debeu de ser un éxito: podemos voltar cando queiramos, incluso sen avisar!

Estreando uniforme xunto á Torre del Oro

Despois de repor forzas no xantar, visitamos a praza de España. Alí, quedamos impresionados co pavillón da Exposición Universal, as representacións nos muros de todas as provincias e as actuacións de flamenco en vivo e, despois de cantar unha vez máis –facendo #KaleBarroca–, paseamos polos xardíns de María Luisa e as rúas do centro da cidade. No noso paseo encontramos a antiga fábrica de Tabacos -actual sede da Universidade-, lugar en que se ambienta a ópera Carmen de Bizet, que contou coa nosa participación na súa última representación na Coruña. Canda a Torre del Oro esperábanos Serafín, o noso condutor, para levarnos de volta ao albergue.

Espectáculo de flamenco en Plaza de España

O luns madrugamos de novo para continuar visitando a cidade. Vimos o palacio municipal, a Giralda e parte da catedral e, xa con máis detalle, o impresionante Real Alcázar, un edificio cheo da historia e a arte das varias culturas que se asentaron en Sevilla na Idade Media. Cando terminou a visita dirixímonos ao comedor da facultade de Comunicación da Universidade de Sevilla e, como non, cantamos. Sen perder tempo voltamos ao centro para ver a igrexa do Salvador e a parte da catedral que nos faltaba xusto cando tiña lugar o tradicional baile dos seises, ademais de para un merecido tempo libre antes de voltar a Triana. Alí puidemos presenciar a grande tradición relixiosa deste barrio no traslado da imaxe do Cristo das Tres Caídas entre rúas ateigadas de xente; nelas, o silencio só se rompía pola intervención dunha numerosa banda de música.

 

Despois de todo isto, tocaba cear xuntos por última vez en La Gorda de las Delicias, un restaurante rexentado por Carmen, que desde o primeiro momento nos tratou estupendamente e fixo honra ao nome da casa: comemos a fartar!

Cea en La Gorda de las Delicias. Gracias, Carmen

Voltamos ao albergue despois de disfrutar da última vista de Sevilla de noite e despois dunha noite chea de partidas de lobo, xogos, conversa e preparativos, fixemos as maletas e almorzamos por última vez en Sanlúcar.  Despedímonos de Paco e as traballadoras do catering, que tamén nos atenderon á perfección, e emprendemos o camiño de volta, esta vez xa con máis calma.

Almorzo en Casa de Espiritualidad Juvenil Juan XXIII Sanlúcar la Mayor

Antes de chegar á Coruña deunos tempo de visitar a aldea de Candelario, mais enseguida continuamos a marcha porque, a medida que avanzabamos cara ao norte, chegaba a chuvia: esperábanos un temporal que nos fixo aminorar a marcha mais que non nos freou para chegar xa ben entrada a noite ao Palacio da Ópera.

Candelario (Salamanca)

Acababa así a primeira mostra de #Cantabileando2019, unha viaxe chea de arte, diversión, convivencia e, como non, música!

#CantabileNonPara

#Cantabileando2019Sevilla

#OrgulloCantabile

#FamiliaCantabile

RESULTADOS DO CONCURSO DE DESEÑO TÉXTIL CANTABILE

Xa temos gañadoras do concurso de deseño téxtil Cantabile:

Na categoría para a xente máis cativa, a gañadora foi Julia Mena Díaz.

Na categoría absoluta, resultou gañador o tándem formado por Mariana Boedo Buño e Valeria Mena Díaz.

Como mostra da calidade dos traballos presentados e como recoñecemento ao esforzo realizado, o xurado, presido por Lucía Cernadas, decidiu outorgar dous accesits ex aequo para Laura García Pereiro e Manuel Segade Bodelo.

En breve disfrutaremos dos novos deseños nos nosos uniformes.

Nadal 2018-2019 #NadalCantabile

Rematou un intenso ano 2018 cheo de compromisos e música e comeza o 2019, cargado de proxectos.

Antes de coller folgos para esta nova andadura, queremos amosarvos un resumo do #NadalCantabile 2018-2019

E comezou moi pronto. Unha das novidades deste nadal foi a participación do Coro, o 7 de decembro,  no prendido da iluminación de nadal, cun concerto xunto á famosa bóla da Marina, ateigada de xente.

O Coro Cantabile no prendido da iluminación de nadal

Continuamos  coa inauguración do nacemento artístico no Palacio de María Pita o día 14. Este ano rendíase homenaxe á poeta Luz Pozo Garza, que saudou agarimosamente aos nenos e nenas do Coro. Interpretarmos varias panxoliñas despois de que Luz Pozo nos deleitase cun poema seu.

O seguinte evento foi a nosa participación no XI Encuentro de Música Coral Navidad Fonseca na igrexa dos Xesuítas da Coruña, xunto ao coro e camerata da Escola Municipal de Música e o Coro Sancta María Maris. Para non romper a tradición, as tres corais uníronse para interpretar unha fermosa panxoliña.

Cantabile no encontro de Fonseca

Outra das novidades este ano prodúxose o día 22 de decembro. Unha das actividades paralelas da mostra Sonoro Empeño de AFundación foi un recital de panxoliñas,  diante da súa sede, na rúa, aproveitando a bonanza climatolóxica. Día de compras, día de xente na rúa e todas a pararse a escoitar a Cantabile. Unha gran experiencia que esperamos poder repetir no futuro e que se consolide.

https://twitter.com/Afundacion_org/status/1077881711998849024

https://afundacion.org/es/prensa/noticia/cantabile-en-las-actividades-paralelas-de-sonoro-empeno

O día 28, Cantabile por partida dobre. Pola mañá participamos no tradicional Encontro coa Cidadanía no Palacio de María Pita.

Pola noite ofrecemos o noso tamén tradicional concerto de nadal. A igrexa de San Nicolás chea para desfrutar das nosas panxoliñas. Grazas, como sempre, por acollernos. Pedimos á xente que nos segue e aos membros do Coro unha achega para o banco de alimentos de Caritas. E era día 28, Santos Inocentes. Non podía faltar a brincadeira e non faltou.

Cantiga de Nadal, unha obra do noso presidente, Xulio Loureiro

O día 3 de xaneiro tocaba #CantabileSolidario e botamos a tarde cos amigos e amigas da residencia de maiores Concepción Arenal. A rapazada foi a protagonista falando das súas cousas e, sobre todo, cantando. O recibimento foi moi agarimoso.

O Coro na residencia Concepción Arenal

E así foi rematando o nadal. Quedaba o campeonato de fútbol sala con participación masiva de rapaces e rapazas (e algún non tan rapaz), a tradicional comida no local e o reparto de agasallos do amigo invisibel. E non podían faltar as partidas ao Lobo. Un día distinto, de convivencia e de pasalo ben.

Xa estamos a traballar para o 2019, pero queremos despedir esta entrada cos nosos mellores desexos e un resumo de todo ano

Concerto de nadal. Campaña de alimentos

O vindeiro venres, 28 de decembro, ás 20:30 horas, ofreceremos o noso tradicional concerto de nadal na igrexa de San Nicolás.

A parroquia de San Nicolás, que tan xenerosa é sempre co Coro Cantabile, trasládanos, nesta ocasión, un problema de desabastecemento de alimentos para atender á xente necesitada.

Aproveitando que, como todos os concertos do Coro Cantabile na igrexa de San Nicolás son de balde, e as datas do nadal, que invitan á solidariedade e a compartir, solicitámosvos que, se asistides ao concerto, na medida das vosas posibilidades, traiades alimentos non perecedeiros. Para dar exemplo a directiva e os membros do Coro contribuirán tamén a que esta iniciativa sexa un éxito.

Algo máis que un coro: Isaac Martínez Bendayán en Palestina

O Coro Cantabile, nas convocatorias que fai para os seus eventos, adoita utilizar un formulario que serve tanto para controlar a asistencia como, para as persoas que non poden acudir, xustificar esta ausencia.

No último deles chamounos a atención a xustificación do noso coralista Isaac Martínez Bendayán. Indicaba que non podía asistir ao concerto e a súa causa era: “Misión humanitaria Palestina”.

Non deixamos pasar a oportunidade. Preguntámoslle a Issac por esta experiencia. Contounos que é a terceira vez que acude xunto a un equipo voluntario de cirurxía pediátrica para operar a nenos e nenas en Ramallah. Dispoñen dun centro hospitalario aceptable, pero non está dotado de persoal o suficientemente formado para afrontar intervencións deste tipo.

Abraiados pola xenerosidade de Isaac, propuxémoslle que dése unha charla á rapazada do Coro sobre a súa experiencia e el aceptou encantado.

A Palestine Children’s Relief Fund, ONG que xestiona o principal programa de cirurxía cardiaca pediátrica en Palestina, recibiu na última semana de outubro o equipo voluntario formado por profesionais sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e do Hospital Universitário São João de Porto, Portugal, para operar a nenos e nenas con enfermidade cardíaca conxénita no complexo médico de Palestina en Ramallah.

O equipo estaba composto por Víctor Bautista Hernández, Jorge de Oliveira, Claudia Almeida, Iria Rivera, José González, Daniela C. Rosas, Sonia Teixeira, Jocelina Cabral, MIlagros LInares, Rita Jácome e o noso compañeiro Isaac Martínez Bendayán.

Seguimos esta apaixoante experiencia a través do diario da Missao Joazinho na Palestina 2018

Neonatos de 3,5 kg. , nenas de seis anos, nenos con síndrome de Down…Todos e todas con enfermidades coronarias que, de non ser polo altruísmo dos nosos heroes e as nosas heroínas, verían o seu percorrido vital moi diminuído, tanto no tempo como na calidade.

Estamos xa ansiosos de escoitar as vivencias de Isaac nesta fermosa aventura.

IV Noite das Candeas

Por cuarto ano consecutivo celebramos a nosa Noite das Candeas Cantabile. Nesta ocasión, valeu como despedida dun verán moi intenso para o Coro. A Noite das Candeas é un concerto especial, diferente. Rerpertorio distinto, protagonistas distintos, a igrexa iluminada coas candeas…

A Noite das Candeas convertiuse tamén no escaparate da nosa Sección Xuvenil, que dirixe Lucía Cernadas. Os rapaces e rapazas de Cantabile preparan o seu propio repertorio e ensaian, dirixen e interpretan. Hai canteira!

Matías Cobo, o noso novo pianista, participou tamén como solista interpretando unha peza moi emotiva, o tango Adios Nonino, de Astor Piazzola, que levantou ao público dos seus asentos.

A nosa querida igrexa das Capuchinas quedou pequena para toda a xente que quixo asistir ao concerto.

Para rematar, queremos indicar que este concerto, tan especial para nós, foi dedicado a Carlos de las Heras, voluntario amigo das Capuchinas e amigo de Cantabile tamén, que nos deixou recentemente.

#CantabileandoPorto2018

O pasado 6 de agosto comezou o esperadísimo #CantabileandoPorto2018. Moita emoción no Aquarium Finisterrae onde nos esperaba o querido Busto co autobús para partir cara a Porto.

Días de sol, de ledicia e, sobre todo, como sempre, de música, moita música. No autobús, na rúa, nas igrexas, nas catedrais, no parque, no Bom Jesus, nos cafés e restaurantes… Abraia a enerxía, as gañas de compartir, de coñecer…

O noso querido e admirado director, Pablo Carballido, amigo, pai, confidente, animador, guía… de todos e todas quen tivemos a sorte de disfrutar desta viaxe, é o gran responsable deste contaxioso espíritu aventureiro e de que a vida sexa unha festa permanente. Iso si, cando hai que traballar, traballamos; cando hai que obedecer, obedecemos. Sen un chío.

A viaxe non é unha simple viaxe, é un camiño sen volta. Vivida a inesquecible experiencia, xa non es ti, es algo máis e mellor, tes máis experiencia ou tes máis mocidade.

Fixemos un breve descanso en Valença do Minho para comer aos pés da súa fortificación, vestixio dun pasado bélico entre dous países veciños/irmáns, agora esquecido.

Continuamos camiño ata o noso destino e pronto comezamos a ver as famosas pontes sobre o río Douro ata chegar, finalmente ao que sería o noso fogar eses días, o Nice Way Porto Hostel, a escasos metros da praça da Liberdade e a avenida Aliados. Non é doado desde unha recepción hoteleira dirixirse a un grupo de cincuenta persoas. A golpe de megáfono e con moita simpatía, distribuíronnos nos cuartos. Aproveitamos a tarde para unha primeira toma de contacto coa cidade e visitamos a estación de São Bento. Antonio tomou unha excelente foto cos famosos azulexos azuis de fondo. Mais tarde, a sé de Porto, a igreja-monumento São Francisco e o jardim do infante Dom Henrique. Rematou a xornada cunha cea no café Embaixador. Foron moi amables con nós, polo que o noso agasallo foi interpretar algunha peza do noso repertorio e algún dos “hits” da viaxe.

Retirámonos pronto porque tiñamos concerto e a rapazada quixo disfrutar do hostel. O de durmir xa é outra cousa.

O día seguinte foi moi intenso. Pola mañá, visitamos a fermosa Casa da Música, onde puxemos a proba a excepcional acústica do auditorio principal. Pola tarde, un dos actos centrais do #CantabileandoPorto2018, o concerto na igreja dos Clérigos, enclave turístico con gran afluencia de público, que puido disfrutar da Oda para o aniversario da raíña Ana e outras pezas do noso repertorio. Despois da actuación, fomos a todo correr ao autobús, xa que tiñamos entradas para a actuación de Fado Violado na Casa da Música.

O terceiro día, Coímbra: visitamos o parque temático de Portugal dos Pequenitos, o campus universitario, coa porta Férrea e o pátio das Escolas. Visitamos tamén a Sé Velha e, por suposto, cantamos.

O último día tocaba cruceiro polo Douro. Embarcamos nas cais de Gaia para pasar baixo as pontes do río Douro, con vistas excepcionais da Ribeira. Antes de visitar as caves do afamado vinho do Porto, na que nos mostraron a súa historia, a orixe e características -e catamos-, subimos ao teleférico de Gaia. Desde a altura disfrutamos da fermosa paixase que forman o río Douro e as dúas ribeiras de Porto e Gaia.

Despois de comer, tempo libre. Parte da expedición decidiu quedar para se despedir de Porto. Os demais viaxaron a Santa Maria da Feira, que, durante os primeiros días de agosto, se convirte nun povo medieval. Retirámonos pronto ao hostel. Cansanzo? Non. Gañas de estar toda a xente xunta. Xogar ao lobo, ao teléfono estropeado, falar, berrar, correr… Era a última noite da viaxe e había que vivila.

O último día iniciamos a viaxe de volta coa intención de percorrer as rúas de Braga. Tivemos unha grata sorpresa coa visita do noso presidente, Xulio, con Gelines, que non puideron facer a viaxe completa por cuestións laborais. Camiñamos polo seu fermoso casco histórico ata chegar á catedral. Despois subimos ao santuario do Bom Jesus. Unha odisea foi chegar ao autobús, xa que o tráfico estaba moi restrinxido pola Volta Ciclista a Portugal que, curiosamente, remataba ese día en Braga.

Estaba a piques de rematar o #Cantabileando2018. A viaxe de volta fíxose curtísima grazas ao xa histórico Cantabile Deluxe de Celeste Vargas e Jorge Javier.

E chegamos ao punto de partida, á Casa dos Peixes. Cantas bágoas, cantas apertas, cantas despedidas… Todos e todas pensando xa en Cantabileando2019.

 

Presentación da Memoria de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña

O Coro Cantabile foi convidado polo Consello Social da UDC a participar no acto organizado co gallo da presentación da Memoria de Responsabilidade Social da UDC. O acto tivo lugar o pasado 26 de xullo no Paraninfo do Reitorado e foi presidido polo rector, Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social da UDC, presidente da Conferencia de Consejos Sociales  e secretario xeral do Consello de Administración de Inditex, Antonio Abril Abadín. Contou tamén coa participación da secretaria de estado de Universidades, Desenvolvemento e Investigación, Ángeles Heras Caballero.

Interpretamos varias pezas do noso repertorio, que foron presentadas por nenos e nenas do propio coro. O acto rematou coa interpretación do Gaudeamus Igitur.

O acto, grazas as autoridades que nel participaron, tivo moita repercusión nos medios e nas redes sociais, cunha valoración moi positiva da nosa actuación.

Concerto XVI Aniversario Coro Cantabile: Oda polo aniversario da raíña Ana HW74 de G.F.Händel

A presentación en sociedade do traballo que, cada ano, realiza o Coro faise tradicionalmente no noso concerto de aniversario. A obra escollida neste caso foi a Oda polo aniversario da raíña Ana HWV 74 de G. F. Händel.

A igrexa de San Nicolás, como sempre, quedou pequena para poder acoller a toda a xente interesada en disfrutar da habitual calidade musical das nosas representacións. Entre este numerosísimo público sorprendeunos a presencia de D. José Domenech Part, prestixioso crítico musical do diario Levante de Valencia que publicou unha reseña no citado diario da que extractamos o seguinte frangmento e que empregamos como resumo do concerto:

“(…) Desde el primer momento, me percaté de la calidad del conjunto coral, al que acompañaba una magnífica orquesta de cámara, todos ellos a las órdenes de Pablo Carballido, músico de alta cualificación, quien en todo momento cuidó detalles y matices de solistas, cantores y músicos obteniendo unas versiones realmente imapctantes que emocionaron al público que colmaba la Iglesia de San Nicolás por completo.

Si bien la Oda para el cumpleaños de la Reina, de Haendel, fue la obra fundamental del programa, el resto de piezas fue tratado por la misma exquisitez, cuidando el estilo y dosificando cada plano sonoro, logrando una unidad formal del conjunto realmente ejemplar (…)”.

Deixamos aquí a gravación do concerto para que non tivese a oportunidade de velo ou quere volver a disfrutar del.