Arquivo da categoría: Cantabile

Cantabile en “Vendado es amor, no es ciego”

Os días 19 e 20 de setembro tivemos o privilexio de participar nas representacións da zarzuela barroca de José de Nebra “Vendado es amor, no es ciego” no Teatro Colón, dentro da programación lírica de Amigos de la Ópera da Coruña. Isto xa é ilusionante de por si, mais se a iso lle sumamos que o director era o noso ex-coralista Alberto Miguélez Rouco, a experiencia é 100% #orgullocantabile!
Alberto estudou na prestixiosa Schola Cantorum Basilensis de Suíza. Hai varios anos, despois de interpretar unha das súas arias, decidiu recuperar e gravar a zarzuela “Vendado es amor, no es ciego”. Para iso, formou con compañeiros e compañeiras das Schola o ensemble Los elementos e con eles gravou a zarzuela completa, co prestixioso selo discográfico Glossa.

https://www.instagram.com/p/CACrct8qKbJ/

Levar aos escenarios a recuperación desta obra, debedora da ópera italiana, mais con elementos singulares como o protagonismo dos coros ou a introdución de ritmos como o fandango, estaba destinado a ser un dos acontecementos líricos do ano, e como tal creou grande expectación na prensa, mais a COVID non o fixo fácil. Como imaxinaredes, foi un desafío levar a cabo estas representacións cumprindo con todas as medidas de seguranza que exixe a pandemia. Aínda así, o excelente equipo involucrado nestas producións, desde o rexedor, o xenial Luís López Tejedor, até o ensemble Los Elementos (apoiado por algúns músicos galegos debido ás baixas que provocaron as restricións sanitarias, entre eles o noso Ángel Loureiro) e as excepcionais solistas Leonor Bonilla, Carol García, Alicia Amo, Aurora Peña, María Lueiro (tamén ex coralista de Cantabile!) e Borja Quiza, fixeron que a estrea en tempos modernos desta obra fose moito máis que digna. Nós estivemos felices de traballar a un nivel tan alto e cuns resultados tan brillantes como os que vedes neste pequeno fragmento do número final:

https://www.instagram.com/p/CFWm3MuqEPM/

Ademais de ser un acontecemento musical e un exemplo de profesionalidade nestes tempos, as dúas representacións tamén mostraron que a cultura é segura: o público, un 50% do aforo do teatro, puido desfrutar sen ningún problema da obra e, polo que parece, saíu moi satisfeito! Iso si, nós tivemos algún que outro problema coas máscaras, mais nada que unha boa dose de ensaios con Alberto e Pablo non poida solucionar 😉

Xa estábamos encantados coa estrea do CD de “Vendado es amor, no es ciego”, mais agora estamos aínda máis seguros de que esta obra traerá moitos éxitos a Alberto e a Los Elementos e sentímonos moi afortunados de participar no inicio desa viaxe. Deixámosvos cunhas imaxes entre bambalinas e lémonos en breves, #FamiliaCantabile!

 

Acaba o #AniversarioVirtual

Acaba setembro e, con el, acaba o mes de celebración virtual do noso XVIII Aniversario. Durante estas semanas puxémosvos a proba con algunhas curiosidades sobre o coro, compartimos convosco imaxes de todos estes anos e repasamos o documental #OrgulloCantabile para ver todo o que conseguimos durante quince anos. Mais aínda faltan momentos por recordar desde 2017 a hoxe. Imos repasar algúns dos máis especiais: atención!

En 2018 preparamos a Ode for the Birthday of Queen Anne de G.F. Händel e, ademais de cantala no noso XVI Aniversario, levámola tamén á Torre dos Clérigos do Porto no noso #Cantabileando2018. Xa sabedes, como #nontodovaisercantar, nesa viaxe tamén tivemos tempo para visitar o norte de Portugal e deixalo inmortalizado!

O 2019 entrou pisando forte coa viaxe a Sevilla, e continuou coa nosa primeira incursión no Barroco francés: o Te Deum de M.A. Charpentier. O noso concerto de XVII Aniversario no Teatro Colón tivo esta obra como grande protagonista e ademais serviunos para axudar a ONG New Light:

Nese ano, aínda tivemos tempo e forzas para unha segunda viaxe! Estivemos cantabileando polo norte da Península: Bilbao, Olite, Beire, Pamplona, Burgos, León… e, por suposto, tamén o deixamos gravado. Mais a cousa non acabou aí: despois de recuperar o ritmo co novo curso, aínda quedaba un reto: a gravación do noso último CD, Palabras de Luz, e o seu concerto de presentación no Teatro Colón.
O proxecto Palabras de Luz merece unha atención especial, polo traballo, musical e non musical, intenso e continuo que demandou durante dous anos. Conseguimos estrear doce pezas galegas e en galego, variadas e contemporáneas, e envialas a todos os coros galegos para que se unisen á tarefa de renovar o noso repertorio coral. Para comprender o impacto deste proxecto quizais teñan de pasar aínda uns anos, mais de momento tennos expectantes: o 21 de outubro descubriremos se somos vencedores dos Premios Martin Codax da música galega grazas a el!

En definitiva, estes anos, e todos os anteriores, foron anos de retos, aprendizaxe, viaxes, concertos… amor e orgullo. Aínda que a pandemia non nos permitise celebrar como queríamos a nosa maioría de idade, tentamos transmitirvos pola rede todas estas experiencias, coa esperanza de que axiña poidamos reunirnos a cantar e escoitar TODOS XUNTOS, sen medo nin restricións. Entretanto, seguímonos preparando. Nunca se sabe onde poderemos chegar!

Grazas pola vosa compañía neste #AniversarioVirtual, #FamiliaCantabile!

 

Comeza o curso 2020/2021

Ola, #FamiliaCantabile! Hoxe temos que facer un pequeno paréntese no #AniversarioVirtual para contarvos que acaba de ter lugar a Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria da nosa asociación, o principal órgano de participación das socias e socios.
Ademais de un coro que dá concertos (virtuais ou non) e programa ensaios, Cantabile é tamén unha asociación sen ánimo de lucro, con moito traballo non musical detrás. Dese traballo encárgase a Xunta Directiva, un equipo formado por coralistas e outras socias e socios que non forman parte do coro, como por exemplo pais e nais dos seus integrantes, que elixe a Asemblea. Hoxe a candidatura encabezada pola nosa presidenta, Lucía Cernadas, renovou o seu compromiso coa asociación, con pequenos cambios, mais coa mesma ilusión de sempre.
 Esta foi unha asemblea especial debido á pandemia. Estaba planeada para marzo, mais tivo que adiarse até o día de hoxe e, ademais, tivo lugar de forma non presencial, porque deste modo evítanse reunións innecesarias que poñan en perigo a saúde. Novos formatos, novas experiencias e moito aprendido para continuar traballando por este proxecto. Comezamos o curso con moita vontade e bo humor!

Refrescando a memoria con #OrgulloCantabile (VI)

E chegou o día! Hoxe publicamos a última parte do documental e con ela prácticamente chega á súa fin fin este #AniversarioVirtual. Mais que sexa a última non significa que por iso sexa menos importante! Este vídeo vai completo: tedes unha nostálxica reflexión sobre o ciclo que tenden a seguir os coralistas e, por tanto, Cantabile; invitacións e explicacións de cómo colaborar connosco; as tomas falsas e anécdotas que o público non sempre ve; e rematamos co vídeo e canción que conformou o #Cantabileando2016 mesturado con fotos máis antigas, para que ninguén quede fóra. Atención aos créditos! Vémonos no #ConcertoVirtual de mañá e lembrade que aínda quedan tres anos por rememorar o próximo mércores.

 

Refrescando a memoria con #OrgulloCantabile (V)

Entramos na recta final deste #AniversarioVirtual e tamén nas últimas partes do documental #OrgulloCantabile. Se seguistes a dinámica destas semanas xa sabedes como funciona isto: no documental encontraredes moitas curiosidades que despois preguntamos nos #CantoSabesDeCantabile dos luns en twitter e instagram, mais tamén descubrides un pouco mellor en que consiste este proxecto e por que tratamos de compartir convosco a nosa ilusión por el. Neste fragmento poñémonos aínda máis emotivos (se é que aínda se pode!) e escoitamos a perspectiva dos e das máis peques sobre o coro, mais tamén a mensaxe que teñen para eles excoralistas e persoas adultas implicadas nos quince anos do coro.

Desfrutade connosco desta viaxe, que case non queda nada de setembro e queremos aproveitalo ao máximo! Grazas polo voso apoio, #FamiliaCantabile!

 

Refrescando a memoria con #OrgulloCantabile (IV)

Pasamos o ecuador deste #AniversarioVirtual coa cuarta parte do documental #OrgulloCantabile. Nesta parte tentamos explicar precisamente iso: o sentimento tan especial que une este coro. Tanto a directiva como o coro e as familias sabemos que este é un proxecto especial, mais veredes que non é nada fácil explicar por que sen deixar nada no camiño…
Ademais, tamén falamos un pouco das nosas viaxes, cando imos #Cantabileando polo mundo adiante, aprendendo, cantando e desfrutando.
Entre todo isto tamén hai algunhas curiosidades ás cales deberedes prestar atención para acertar as preguntas do próximo luns, así que mantede os ollos e as orellas ben abertos!

Lembrade que mañá temos unha cita no Facebook no #ConcertoVirtual, que non decaian as enerxías! #CantabileNonPara

Refrescando a memoria con #OrgulloCantabile (III)

Seguimos celebrando a nosa maioría de idade lembrando todos os bos momentos destes dezaoito anos. Xa sabedes que para iso estámonos servindo do documental que gravamos con motivo do XV aniversario; hoxe toca a terceira parte. Nela, os máis peques (que agora xa non son tan peques…) e algúns antigos coralistas explícannos que significa o noso director, Pablo Carballido, para o coro e tamén por que #CantabileNonPara, xunto con moitas outras curiosidades.

Esperamos que vos estea gustando tanto como a nós lembrar estes momentos. Mañá voltamos con algunhas fotos de #ThrowbackThrusday e o sábado continuamos coa cuarta parte do documental!

Refrescando a memoria con #OrgulloCantabile

Ola, #FamiliaCantabile!
Como sabedes, estamos inmersas no #AniversarioVirtual do coro e celebramos 18 anos. Os mércores e os sábados iremos recordando a nosa traxectoria durante todo este tempo. Con motivo do XV Aniversario gravamos un documental que nos vai axudar moito nesta tarefa de memoria; hoxe traémosvos a primeira parte:

Algunhas das respostas ás preguntas #CantoSabesDeCantabile deste luns aparecen aquí; quizais encontredes as respostas ao cuestionario da semana que vén… En calquera caso, esperamos que desfrutedes do vídeo! Vémonos nos eventos desta semana! #CantabileNonPara

XVIII Aniversario Cantabile: aniversario virtual

O ano 2020 está sendo todo un reto: estamos aprendendo a convivir cun virus que nos trae situacións descoñecidas e nos obriga a adaptar (e ás veces a cancelar) toda a nosa actividade. Aínda así, non podemos esquecer que neste 2020 facémonos maiores de idade! Cantabile completou no mes de abril dezaoito anos de andadura e, xa que non puidemos celebralo co noso habitual concerto, queremos programar un aniversario virtual durante todo o mes de setembro, para inaugurar con bo pé o curso que temos por diante.

Durante as próximas semanas, programaremos nas nosas redes sociais varias actividades para rememorar todos estes anos:

  • Os luns, queremos poñervos a proba con #CantoSabesDeCantabile? Nas nosas stories de Instagram e no noso Twitter farémosvos algunhas preguntas e contarémosvos algunhas curiosidades. Se non sabedes algunhas das respostas, teredes que prestar atención á web…
  • Os mércores e os sábados faremos pequenos resumos sobre estes anos, apoiándonos no documental que gravamos con ocasión do XV aniversario, #OrgulloCantabile e, por suposto, tamén refrescaremos estes tres últimos anos!
  • Os xoves son de #ThrowbackThursday! Volveremos atrás con algunhas fotos en todas as nosas redes. Cantas caras seremos quen de recoñecer?
  • Por último, mais non menos importante, os domingos subiremos unha selección das nosas actuacións a un evento de Facebook que xa está disponíbel e que esperamos que compartades con toda a vosa axenda! Este #ConcertoVirtual non será o mesmo que outros anos, mais facémolo con toda a esperanza de podermos celebrar un multitudinario no 2021, TODOS XUNTOS!

Veredes que, ademais, a imaxe das nosas redes cambia durante este mes grazas ao traballo dunha das vogais da directiva, Cristina Veira. Antes de que a COVID paralizase todo, o coro estaba preparando un programa de Renacemento con temas que levamos cantando desde os inicios do coro e, aínda que non puidemos completar ese programa, si foi unha parte importante do que puidemos cantar este ano, así que non queriamos renunciar a ese toque que Cristina plasmou tan ben. Quen sabe? Quizais podamos interpretalo máis pronto que tarde… Mil grazas, Cris!

Espéranos un mes intenso pola rede e esperamos que nos acompañedes, #FamiliaCantabile!

Voltamos!

Ola de novo, #FamiliaCantabile!

Os últimos meses foron de moitas mudanzas e incertezas. Todo o mundo tivo que frear e tamén nós tivemos que aguantar sen facer o que máis nos gusta: cantar. Con todo, despois de que a situación causada pola COVID-19 mellorase (malia que aínda é necesario manter a precaución e cumprir as normas de hixiene e distanciamento social), Cantabile comezou a coller ritmo e reprogramar pouco a pouco as actividades que foran canceladas.

O primeiro que fixemos foi retomar os ensaios. Coas debidas medidas de seguridade e nun espazo amplo como é a igrexa das Capuchiñas da Coruña, organizamos varias sesións de traballo vocal en pequenos grupos para recuperarmos a forma. Despois de tanto tempo na casa, había moito que traballar!

Despois desta toma de contacto, non tardou en chegar a primeira actuación post-confinamento: o concerto Coruña Orgullosa, organizado polo Concello da Coruña con motivo do Orgullo LGTBI 2020. Así o recollía a concelleira de Igualdade, Yoya Neira:

Con máscaras, nun grupo reducido e nun exterior privilexiado, o castelo de Santo Antón, interpretamos obras variadas e deixamos claro que #OrgulloCantabile tamén é reivindicarmos a igualdade e o respecto para todas as persoas independentemente da súa orientación ou condición sexual.


Coas baterías cargadas tras este retorno, xa temos o ollo posto nos próximos eventos: o concerto de non-aniversario (non-aniversario? Que será, será…?) e a próxima edición da Noite das Candeas. Se as circunstancias o permitiren, verémonos axiña, familia! #CantabileNonPara