#CantabileandoPorto2018

O pasado 6 de agosto comezou o esperadísimo #CantabileandoPorto2018. Moita emoción no Aquarium Finisterrae onde nos esperaba o querido Busto co autobús para partir cara a Porto.

Días de sol, de ledicia e, sobre todo, como sempre, de música, moita música. No autobús, na rúa, nas igrexas, nas catedrais, no parque, no Bom Jesus, nos cafés e restaurantes… Abraia a enerxía, as gañas de compartir, de coñecer…

O noso querido e admirado director, Pablo Carballido, amigo, pai, confidente, animador, guía… de todos e todas quen tivemos a sorte de disfrutar desta viaxe, é o gran responsable deste contaxioso espíritu aventureiro e de que a vida sexa unha festa permanente. Iso si, cando hai que traballar, traballamos; cando hai que obedecer, obedecemos. Sen un chío.

A viaxe non é unha simple viaxe, é un camiño sen volta. Vivida a inesquecible experiencia, xa non es ti, es algo máis e mellor, tes máis experiencia ou tes máis mocidade.

Fixemos un breve descanso en Valença do Minho para comer aos pés da súa fortificación, vestixio dun pasado bélico entre dous países veciños/irmáns, agora esquecido.

Continuamos camiño ata o noso destino e pronto comezamos a ver as famosas pontes sobre o río Douro ata chegar, finalmente ao que sería o noso fogar eses días, o Nice Way Porto Hostel, a escasos metros da praça da Liberdade e a avenida Aliados. Non é doado desde unha recepción hoteleira dirixirse a un grupo de cincuenta persoas. A golpe de megáfono e con moita simpatía, distribuíronnos nos cuartos. Aproveitamos a tarde para unha primeira toma de contacto coa cidade e visitamos a estación de São Bento. Antonio tomou unha excelente foto cos famosos azulexos azuis de fondo. Mais tarde, a sé de Porto, a igreja-monumento São Francisco e o jardim do infante Dom Henrique. Rematou a xornada cunha cea no café Embaixador. Foron moi amables con nós, polo que o noso agasallo foi interpretar algunha peza do noso repertorio e algún dos “hits” da viaxe.

Retirámonos pronto porque tiñamos concerto e a rapazada quixo disfrutar do hostel. O de durmir xa é outra cousa.

O día seguinte foi moi intenso. Pola mañá, visitamos a fermosa Casa da Música, onde puxemos a proba a excepcional acústica do auditorio principal. Pola tarde, un dos actos centrais do #CantabileandoPorto2018, o concerto na igreja dos Clérigos, enclave turístico con gran afluencia de público, que puido disfrutar da Oda para o aniversario da raíña Ana e outras pezas do noso repertorio. Despois da actuación, fomos a todo correr ao autobús, xa que tiñamos entradas para a actuación de Fado Violado na Casa da Música.

O terceiro día, Coímbra: visitamos o parque temático de Portugal dos Pequenitos, o campus universitario, coa porta Férrea e o pátio das Escolas. Visitamos tamén a Sé Velha e, por suposto, cantamos.

O último día tocaba cruceiro polo Douro. Embarcamos nas cais de Gaia para pasar baixo as pontes do río Douro, con vistas excepcionais da Ribeira. Antes de visitar as caves do afamado vinho do Porto, na que nos mostraron a súa historia, a orixe e características -e catamos-, subimos ao teleférico de Gaia. Desde a altura disfrutamos da fermosa paixase que forman o río Douro e as dúas ribeiras de Porto e Gaia.

Despois de comer, tempo libre. Parte da expedición decidiu quedar para se despedir de Porto. Os demais viaxaron a Santa Maria da Feira, que, durante os primeiros días de agosto, se convirte nun povo medieval. Retirámonos pronto ao hostel. Cansanzo? Non. Gañas de estar toda a xente xunta. Xogar ao lobo, ao teléfono estropeado, falar, berrar, correr… Era a última noite da viaxe e había que vivila.

O último día iniciamos a viaxe de volta coa intención de percorrer as rúas de Braga. Tivemos unha grata sorpresa coa visita do noso presidente, Xulio, con Gelines, que non puideron facer a viaxe completa por cuestións laborais. Camiñamos polo seu fermoso casco histórico ata chegar á catedral. Despois subimos ao santuario do Bom Jesus. Unha odisea foi chegar ao autobús, xa que o tráfico estaba moi restrinxido pola Volta Ciclista a Portugal que, curiosamente, remataba ese día en Braga.

Estaba a piques de rematar o #Cantabileando2018. A viaxe de volta fíxose curtísima grazas ao xa histórico Cantabile Deluxe de Celeste Vargas e Jorge Javier.

E chegamos ao punto de partida, á Casa dos Peixes. Cantas bágoas, cantas apertas, cantas despedidas… Todos e todas pensando xa en Cantabileando2019.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *