Cantabileando 2019. Capítulo I: Sevilla

A xente que nos segue habitualmente sabe que, cando temos oportunidade, levamos a nosa música a calquera lugar. Este ano, ademais de estar planificando o noso #Cantabileando de verán, aproveitamos para aceptar a invitación de cantar en Sevilla na ponte de entroido.

O sábado 2 de febreiro madrugamos para citarnos na Casa dos Peixes, onde nos esperaba o autobús que nos levaría ao noso albergue en Sanlúcar la Mayor. Fixemos as paradas xustas porque non había tempo que perder: o día seguinte había concerto.

Iglesia de la Magdalena

O domingo de mañá entramos no centro da capital andaluza cos nosos novos uniformes de viaxe: a camiseta gañadora do concurso, ideada por Mariana e Valeria, e a suadeira co noso logo e os símbolos feitos por Alba Carballal: compañeirismo, aprendizaxe, e viaxes. O sol acompañounos na nosa visita ao barrio de Triana, onde, como non, cantamos en cada recanto.

Iglesia del Santo Ángel. Final de la Misa Cantada

Pouco despois dirixímonos á impoñente igrexa do Santo Ángel, onde cantamos a misa que, a xulgar polas palabras do seu párroco, Juan Dobado, debeu de ser un éxito: podemos voltar cando queiramos, incluso sen avisar!

Estreando uniforme xunto á Torre del Oro

Despois de repor forzas no xantar, visitamos a praza de España. Alí, quedamos impresionados co pavillón da Exposición Universal, as representacións nos muros de todas as provincias e as actuacións de flamenco en vivo e, despois de cantar unha vez máis –facendo #KaleBarroca–, paseamos polos xardíns de María Luisa e as rúas do centro da cidade. No noso paseo encontramos a antiga fábrica de Tabacos -actual sede da Universidade-, lugar en que se ambienta a ópera Carmen de Bizet, que contou coa nosa participación na súa última representación na Coruña. Canda a Torre del Oro esperábanos Serafín, o noso condutor, para levarnos de volta ao albergue.

Espectáculo de flamenco en Plaza de España

O luns madrugamos de novo para continuar visitando a cidade. Vimos o palacio municipal, a Giralda e parte da catedral e, xa con máis detalle, o impresionante Real Alcázar, un edificio cheo da historia e a arte das varias culturas que se asentaron en Sevilla na Idade Media. Cando terminou a visita dirixímonos ao comedor da facultade de Comunicación da Universidade de Sevilla e, como non, cantamos. Sen perder tempo voltamos ao centro para ver a igrexa do Salvador e a parte da catedral que nos faltaba xusto cando tiña lugar o tradicional baile dos seises, ademais de para un merecido tempo libre antes de voltar a Triana. Alí puidemos presenciar a grande tradición relixiosa deste barrio no traslado da imaxe do Cristo das Tres Caídas entre rúas ateigadas de xente; nelas, o silencio só se rompía pola intervención dunha numerosa banda de música.

 

Despois de todo isto, tocaba cear xuntos por última vez en La Gorda de las Delicias, un restaurante rexentado por Carmen, que desde o primeiro momento nos tratou estupendamente e fixo honra ao nome da casa: comemos a fartar!

Cea en La Gorda de las Delicias. Gracias, Carmen

Voltamos ao albergue despois de disfrutar da última vista de Sevilla de noite e despois dunha noite chea de partidas de lobo, xogos, conversa e preparativos, fixemos as maletas e almorzamos por última vez en Sanlúcar.  Despedímonos de Paco e as traballadoras do catering, que tamén nos atenderon á perfección, e emprendemos o camiño de volta, esta vez xa con máis calma.

Almorzo en Casa de Espiritualidad Juvenil Juan XXIII Sanlúcar la Mayor

Antes de chegar á Coruña deunos tempo de visitar a aldea de Candelario, mais enseguida continuamos a marcha porque, a medida que avanzabamos cara ao norte, chegaba a chuvia: esperábanos un temporal que nos fixo aminorar a marcha mais que non nos freou para chegar xa ben entrada a noite ao Palacio da Ópera.

Candelario (Salamanca)

Acababa así a primeira mostra de #Cantabileando2019, unha viaxe chea de arte, diversión, convivencia e, como non, música!

#CantabileNonPara

#Cantabileando2019Sevilla

#OrgulloCantabile

#FamiliaCantabile

1 comentario en “Cantabileando 2019. Capítulo I: Sevilla

  1. Vanessa

    Thank you for the privilege of listening to your choir break into song at Real Alcazar on 4 March in an underground room. It was completely unexpected, and completely beautiful. It actually was one of the highlights of my day, as it enhanced my experience of the royal palace.

    Some of the leaders kindly stopped to talk to me after the singing also. Appreciate you all being generous with your time and your talent.

    Responder

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.