Cantabile en “Vendado es amor, no es ciego”

Os días 19 e 20 de setembro tivemos o privilexio de participar nas representacións da zarzuela barroca de José de Nebra “Vendado es amor, no es ciego” no Teatro Colón, dentro da programación lírica de Amigos de la Ópera da Coruña. Isto xa é ilusionante de por si, mais se a iso lle sumamos que o director era o noso ex-coralista Alberto Miguélez Rouco, a experiencia é 100% #orgullocantabile!
Alberto estudou na prestixiosa Schola Cantorum Basilensis de Suíza. Hai varios anos, despois de interpretar unha das súas arias, decidiu recuperar e gravar a zarzuela “Vendado es amor, no es ciego”. Para iso, formou con compañeiros e compañeiras das Schola o ensemble Los elementos e con eles gravou a zarzuela completa, co prestixioso selo discográfico Glossa.

https://www.instagram.com/p/CACrct8qKbJ/

Levar aos escenarios a recuperación desta obra, debedora da ópera italiana, mais con elementos singulares como o protagonismo dos coros ou a introdución de ritmos como o fandango, estaba destinado a ser un dos acontecementos líricos do ano, e como tal creou grande expectación na prensa, mais a COVID non o fixo fácil. Como imaxinaredes, foi un desafío levar a cabo estas representacións cumprindo con todas as medidas de seguranza que exixe a pandemia. Aínda así, o excelente equipo involucrado nestas producións, desde o rexedor, o xenial Luís López Tejedor, até o ensemble Los Elementos (apoiado por algúns músicos galegos debido ás baixas que provocaron as restricións sanitarias, entre eles o noso Ángel Loureiro) e as excepcionais solistas Leonor Bonilla, Carol García, Alicia Amo, Aurora Peña, María Lueiro (tamén ex coralista de Cantabile!) e Borja Quiza, fixeron que a estrea en tempos modernos desta obra fose moito máis que digna. Nós estivemos felices de traballar a un nivel tan alto e cuns resultados tan brillantes como os que vedes neste pequeno fragmento do número final:

https://www.instagram.com/p/CFWm3MuqEPM/

Ademais de ser un acontecemento musical e un exemplo de profesionalidade nestes tempos, as dúas representacións tamén mostraron que a cultura é segura: o público, un 50% do aforo do teatro, puido desfrutar sen ningún problema da obra e, polo que parece, saíu moi satisfeito! Iso si, nós tivemos algún que outro problema coas máscaras, mais nada que unha boa dose de ensaios con Alberto e Pablo non poida solucionar 😉

Xa estábamos encantados coa estrea do CD de “Vendado es amor, no es ciego”, mais agora estamos aínda máis seguros de que esta obra traerá moitos éxitos a Alberto e a Los Elementos e sentímonos moi afortunados de participar no inicio desa viaxe. Deixámosvos cunhas imaxes entre bambalinas e lémonos en breves, #FamiliaCantabile!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.