Archivo del Autor: Coro Cantabile

Concerto XVII Aniversario – Parte 1

Hoxe traémosvos unha entrada moi especial! Despois de meses de moito traballo, por fin podemos compartir convosco os vídeos do concerto XVII Aniversario do pasado mes de marzo no Teatro Colón. Nesta ocasión, realizamos un concerto solidario en favor da ONG New Light, que traballa para dar un futuro a nenos, nenas e mulleres vítimas da prostitución no Barrio Vermello de Calcuta, na India.
O acto comezou cunhas palabras de Xulio Loureiro, que foi presidente até o mes de marzo deste mesmo ano. A seguir, interviñeron as voluntarias de New Light.

A continuación, música! Abrimos a velada cunha obra instrumental da estupenda orquestra de instrumentos de época que nos acompañou aquela noite, a Obertura de Rinaldo HWV7, de G.F. Händel.

A seguir, un clásico dos nosos concertos: “Ritorni omai nel nostro core”. Mariana e Lucía interpretaron o duetto.

Para seguir, recuperamos un coro do noso proxecto de 2017, a primeira parte do Mesías de Händel, : “For Unto Us a Child is Born”.

Nesta primeira parte aínda gozamos doutras dúas obras de Händel: “Let te Bright Seraphim” e “Let Their Celestial Concerts All Unite”. A pesar de formar parte dunha única peza, o teatro non puido conter os aplausos despois do solo. Brava, Inés!

E até aquí a primeira parte do concerto. Na próxima semana publicaremos a segunda metade do concerto, a estrea do Te Deum de Marc Antoine Charpentier nas voces de Cantabile. Poderedes encontrar facilmente todos os videos nunha lista de reprodución na nosa canle de Youtube. Vémonos no próximo concerto! #CantabileNonPara

 

 

Concerto de clausura do XIII Curso de Canto Cantabile

Este 30 de agosto tivemos a ocasión de sentir #OrgulloCantabile unha vez máis. Un total de vinte coralistas e precoralistas participaron no XIII Curso de Canto organizado pola nosa asociación e impartido por Pablo Carballido, que ademais de ser un excelente director é tamén, como sabedes, mestre de canto con anos e anos de experiencia. Os e as vinte valentes que se inscribiron no curso recibiron tres sesións intensivas para mellorar a súa técnica vocal e mostraron os seus resultados nun concerto no cal tamén estiveron acompañados polo coro completo – coas camisetas que gañaron o concurso de deseño téxtil, ou como dicimos nós, as flamingosetas – . Por se fose pouco, puidemos gozar novamente de varias actuacións dos nosos solistas, porque en Cantabile hai toneladas de talento! Mais, como nos lembra a nosa querida Pilar Muíños, o talento non chega e o traballo é a nosa base:

https://twitter.com/pmuinos/status/1167516249502494721

A tarde comezaba co Zadok the Priest, seguida da famosa Vois sur ton chemin e unha peza de acordeón de Pablo Ares. Despois, interveu o primeiro grupo de participantes no curso con Amor ch’attendi, de  G. Caccini.

Nico, Sophia, Xiana, Mara, Noa P., Marta D., Alicia e Salma durante a súa peza

A continuación, Alejandro Carrión sorprendeunos ao piano co Pequeno preludio de J.S. Bach. O coro interveu con All things bright and beautiful, Nerea izango zen, O Sanctissima e a Pandeirada de Vilariño, intercalándose o Quia Respexit de Inés e Miguel No, o Ceibo, ceibo, Zuiñandí de Xiana e Nico e Ramón ao violín. Ademais, non puido faltar unha boa dose de voces de tenor co espectacular O sole mio de Martín e o Tu ch’hai le penne, amore do segundo grupo do curso.

Ramón, Samuel, Alejandro P. e Manuel González

Na última parte do concerto, Alejandro P. interpretou Gabriel’s Oboe, a fermosa peza da banda sonora que Ennio Morricone compuxo para The Mission. A continuación, chegou o turno dos e das peques do curso, que cantaron Ochietti Amati de Falconieri.

Pablo A., Ndeye, Candela, Marta L., Emma, Raquel e Catarina mostran os seus avances

A tarde – xa noite – finalizou co coro completo cantando “In te domine speravi” do Te Deum de Charpentier, a entrega dos diplomas do curso por parte da presidenta e o vicepresidente da asociación, Lucía Cernadas e Miguel No… e un bis: Every Breath You Take.

A clausura do curso de canto foi un peche express a unha semana intensiva; foi unha tarde chea de emocións, sorpresas, diversión e cariño por parte do público. Mil grazas a todas as persoas que enchestes Capuchiñas para arrouparnos e seguir os nosos progresos, a Ludmila Orlova por acompañarnos maxistralmente unha vez máis, e tamén aos e as participantes no curso que confiastes no traballo de Pablo; non seríamos nada sen vós!

Deixámosvos unha galería de fotos deste día tan especial. Estamos desexando que chegue o seguinte Curso de Canto Cantabile!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Cantabileando 2019. Capítulo 2: Navarra

O pasado 31 de xullo, a nave Raposo XI emprendeu unha expedición lunática rumbo ao infinito e máis aló pasando por Bilbao, Pamplona, Olite, Lumbier, Leyre, Logroño, Atapuerca, Burgos e León (ahí queó!).

Raquel Cernadas pinta o Cantabileando 2019

A tripulación, 48 valentes con moita ansia de invadir todos estes lugares e enchelos de música, baile, risos e mesmo procesións improvisadas; porque sabede que cantabilear é o que vos ten, que nunca sabe un/unha onde vai xurdir como por arte de maxia unha kale barroca, unha coreografía vangardista, unha gymkana, un neno frautista subido nunha peaña ou mesmo un director poñéndose tibio de moras, así ás agachadas e con moita falta de quitamanchas. E sabede tamén que de todo isto hai testemuño gráfico.

En Bilbao, as bóvedas da basílica de Begoña, xenerosas, devolveron resonancias marabillosas das voces da nosa rapazada dirixida por Pablo Carballido. Ocasión solemne que, unha vez rematada, deu paso ao noso particular chupinazo de saída da festa rachada: quedaba inaugurado o Cantabileando 2019!

Misa cantada e concerto do Coro Cantabile na Basílica de Nosa Señora de Begoña

Sucedéronse xornadas de descubrimentos e creatividade: non se deixou monumento, catedral, convento, castelo, praza, rúa, espazo natural, piscina, albergue nin restaurante sen vibrar ao noso paso. Tan intensas foron as cinco noites ben apuradas cos seus seis días de inmensos soles, que ao retornar sentimos que o tempo se alongara, como lle ocorrera a aquel monxe escoitando o paxariño, e que nos transformara.

O Coro Cantabile facendo unha pequena pausa diante do Mosteiro de Leyre

Houbo, como en toda travesía que mereza a pena, luces e sombras; pero de todo aprendemos e todo nos fai medrar, porque ademais sómosvos especialistas en escorrentar a escuridade a forza de musiquear [email protected] Por iso, para toda a familia Cantabile, para quen estea a pasar por un mal momento, para quen nesta ocasión non puido acompañarnos…Forza e luz!!!! Seguiremos cantando e cantabileando [email protected] sempre, aquí e polo mundo adiante.

E…, seguindo coa nosa tradición, deixamos aquí o noso vídeo Cantabileando Navarra 2019, realizado por Noa del Río, a quen agradecemos o seu traballo e a súa inesgotable paixón, así como a toda a rapazada, integrantes da directiva e ao noso querido director, Pablo Carballido del Camino, pola ilusión posta na súa participación 🙂

 

 

 

Rifas #Cantabileando2019

Ola, #FamiliaCantabile!

Xa non queda nada para a segunda parte de #Cantabileando2019! Este ano, como sabedes as persoas que nos seguides habitualmente, os e as coralistas estiveron vendendo unhas fantásticas rifas para difundir as nosas redes sociais e, de paso, axudar a financiar parte da súa viaxe, que este ano nos levará por Bilbao, Navarra e Burgos. Esas rifas ofrecían a posibilidade de gañar non un, senón dous premios, coincidindo coas catro últimas cifras do primeiro e o segundo resultado do sorteo de Lotaría Nacional do 27 de xullo. Collede os vosos boletos e comprobade se tivestes sorte:

1º: 92867. Na rifa afortunada co primeiro premio, a tarxeta regalo de 200€ de El Corte Inglés, debe figurar o número 2867.

2º: 13638. Na rifa afortunada co segundo premio, a caixa de marisco valorada en 100€, debe figurar o número 3638.

Tedes até o 28 de outubro para reclamar o voso premio. Prestade atención ás redes sociais, porque aínda que digan que as segundas partes nunca foron boas, a segunda edición de #Cantabileando2019 promete!

Concerto de Solistas 2019

Este domingo vivimos unha fantástica tarde de música nas Capuchinas. O concerto de solistas de Cantabile serve para que cada ano aqueles coralistas que estudan canto ou tocan algún instrumento poidan mostrar o seu traballo a un público que non terían nos seus conservatorios ou escolas. Isto axúdaos a mellorar como músicos e gañar confianza e seguridade, pero é que ademais, fainos disfrutar moitísimo!

Nesta edición tivemos nada máis e nada menos que 26 obras do máis variado. Sofía Iglesias inaugurou a tarde ao violonchelo, seguida do “Caro Mio Ben” de LeonorDespois, Romeu e Jaime emocionaron ao público coa banda sonora de Forrest Gump ao piano e o trombón, mentres que Pablo Ares ao acordeón e Silvia ao piano interpretaron ritmos de baile. Irene tamén tocou unha fermosa danza, a dos “espíritos benaventurados” de Gluck. Delicado e cheo de sentimento coma sempre, Romeu repetiu ao piano con dúas pezas. Seguiu o “A Vucchela” de Marcos, a “Aria da cantata campesiña” de Nicolás ao violín e, para concluír a primeira parte do concerto, Samuel interpretou a “Yorkshire Ballad” ao bombardino.

Cando o público volveu aos seus asentos e os artistas recuperaron forzas cuns doces –que non podían faltar– Jaime enfrontouse a tres solos de trombón, para despois unirse a Romeu, Xiana e Nicolás e cantar “Esurientes” de Vivaldi, “Wiegenlied” de Mozart e “Ceibo, ceibo zuiñandí” de Guastavino. A seguir, Marta Duckworth dedicou á súa avoa o “Nocturno nº5” de Field e Carlota, xunto coa súa compañeira Uxía, interpretou o primeiro movemento do “Concerto en Sol m para dous cellos” de Vivaldi. Miguel No interpretou a última obra para un instrumento de vento do concerto cunha sonata para clarinete de Saint-Säens, e a el seguírono os violíns de Ramón e Manuel Segade e a viola de Mara. Lucía Cernadas tocou as “Diferencias sobre Conde Claros” á guitarra, para unirse despois a Mariana no dúo “Son nata a lagrimar” do Giulio Cesare in Egitto de Händel. O ramo da noite púxoo Martín co “Con te partirò” que popularizou Andrea Bocelli, un éxito rotundo!
Antes de finalizar o concerto, Ludmila Orlova recibiu unhas flores como recoñecemento á súa paciencia e esforzo como pianista acompañante de moitos dos mozos e mozas, mentres a Sección Xuvenil se preparaba para cantar unha selección de coros do musical “Les Miserables” que, a xulgar polos aplausos, tamén foron un acerto.

Como vedes, Cantabile non para nin un momento! As nosas filas están cheas de talento ano tras ano, así que só podemos sentir orgullo e esperar con ansia o próximo concerto de solistas.

Deixámosvos cunha galería de fotos. Vémonos nos escenarios!

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Dores Tembrás preséntanos “Nacemento”

Este sábado recibimos unha visita moi especial antes de comezar o ensaio. Dores Tembrás, poeta e nai dun dos nosos peques, veu falar sobre o texto que escribiu para o noso Proxecto da Luz. Aprendemos que “Nacemento” é un fermoso poema sobre a intimidade da nai co seu bebé recen nacido nas primeiras noites xuntos e que ese encontro é a luz que vertebra a composición. Mais, que é o Proxecto da Luz?

Desde hai case dous anos, Cantabile está a preparar unha iniciativa ambiciosa e ilusionante: un novo repertorio de música coral contemporánea en galego. Para iso, contou co traballo de doce poetas e seis compositores e compositoras que se uniron en torno ao concepto de ‘luz’. A luz une as palabras de Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Baldo Ramos, Carlos Negro, Antía Otero, Dores Tembrás, Celso Fernández Sanmartín, Eva Veiga, María Lado, Anxo Angueira e Estíbaliz Espinosa e as harmonías de Juan Durán, María Mendoza, Fernando Buíde, Federico Mosquera e Octavio Vázquez. A luz integra neste elenco a Jesús Rodil e Lucía Cernadas, membros da familia Cantabile, continuando coa nosa razón de ser: dar oportunidades ás persoas que pasan polo coro. A luz cobrará miles de matices a través das voces dos nosos mozos e mozas cando as obras compostas en exclusiva para eles se materialicen nun libro CD que será distribuído a todos os coros de Galiza. A luz permitirá que un coro infantil e xuvenil dunha pequena cidade realice un gran proxecto en favor da modernización e dignificación da música coral en lingua galega. En pouco tempo poderemos dicir de novo que sentimos un inmenso #OrgulloCantabile.

Cantabileando 2019. Capítulo I: Sevilla

A xente que nos segue habitualmente sabe que, cando temos oportunidade, levamos a nosa música a calquera lugar. Este ano, ademais de estar planificando o noso #Cantabileando de verán, aproveitamos para aceptar a invitación de cantar en Sevilla na ponte de entroido.

O sábado 2 de febreiro madrugamos para citarnos na Casa dos Peixes, onde nos esperaba o autobús que nos levaría ao noso albergue en Sanlúcar la Mayor. Fixemos as paradas xustas porque non había tempo que perder: o día seguinte había concerto.

Iglesia de la Magdalena

O domingo de mañá entramos no centro da capital andaluza cos nosos novos uniformes de viaxe: a camiseta gañadora do concurso, ideada por Mariana e Valeria, e a suadeira co noso logo e os símbolos feitos por Alba Carballal: compañeirismo, aprendizaxe, e viaxes. O sol acompañounos na nosa visita ao barrio de Triana, onde, como non, cantamos en cada recanto.

Iglesia del Santo Ángel. Final de la Misa Cantada

Pouco despois dirixímonos á impoñente igrexa do Santo Ángel, onde cantamos a misa que, a xulgar polas palabras do seu párroco, Juan Dobado, debeu de ser un éxito: podemos voltar cando queiramos, incluso sen avisar!

Estreando uniforme xunto á Torre del Oro

Despois de repor forzas no xantar, visitamos a praza de España. Alí, quedamos impresionados co pavillón da Exposición Universal, as representacións nos muros de todas as provincias e as actuacións de flamenco en vivo e, despois de cantar unha vez máis –facendo #KaleBarroca–, paseamos polos xardíns de María Luisa e as rúas do centro da cidade. No noso paseo encontramos a antiga fábrica de Tabacos -actual sede da Universidade-, lugar en que se ambienta a ópera Carmen de Bizet, que contou coa nosa participación na súa última representación na Coruña. Canda a Torre del Oro esperábanos Serafín, o noso condutor, para levarnos de volta ao albergue.

Espectáculo de flamenco en Plaza de España

O luns madrugamos de novo para continuar visitando a cidade. Vimos o palacio municipal, a Giralda e parte da catedral e, xa con máis detalle, o impresionante Real Alcázar, un edificio cheo da historia e a arte das varias culturas que se asentaron en Sevilla na Idade Media. Cando terminou a visita dirixímonos ao comedor da facultade de Comunicación da Universidade de Sevilla e, como non, cantamos. Sen perder tempo voltamos ao centro para ver a igrexa do Salvador e a parte da catedral que nos faltaba xusto cando tiña lugar o tradicional baile dos seises, ademais de para un merecido tempo libre antes de voltar a Triana. Alí puidemos presenciar a grande tradición relixiosa deste barrio no traslado da imaxe do Cristo das Tres Caídas entre rúas ateigadas de xente; nelas, o silencio só se rompía pola intervención dunha numerosa banda de música.

 

Despois de todo isto, tocaba cear xuntos por última vez en La Gorda de las Delicias, un restaurante rexentado por Carmen, que desde o primeiro momento nos tratou estupendamente e fixo honra ao nome da casa: comemos a fartar!

Cea en La Gorda de las Delicias. Gracias, Carmen

Voltamos ao albergue despois de disfrutar da última vista de Sevilla de noite e despois dunha noite chea de partidas de lobo, xogos, conversa e preparativos, fixemos as maletas e almorzamos por última vez en Sanlúcar.  Despedímonos de Paco e as traballadoras do catering, que tamén nos atenderon á perfección, e emprendemos o camiño de volta, esta vez xa con máis calma.

Almorzo en Casa de Espiritualidad Juvenil Juan XXIII Sanlúcar la Mayor

Antes de chegar á Coruña deunos tempo de visitar a aldea de Candelario, mais enseguida continuamos a marcha porque, a medida que avanzabamos cara ao norte, chegaba a chuvia: esperábanos un temporal que nos fixo aminorar a marcha mais que non nos freou para chegar xa ben entrada a noite ao Palacio da Ópera.

Candelario (Salamanca)

Acababa así a primeira mostra de #Cantabileando2019, unha viaxe chea de arte, diversión, convivencia e, como non, música!

#CantabileNonPara

#Cantabileando2019Sevilla

#OrgulloCantabile

#FamiliaCantabile