Acaba o #AniversarioVirtual

Acaba setembro e, con el, acaba o mes de celebración virtual do noso XVIII Aniversario. Durante estas semanas puxémosvos a proba con algunhas curiosidades sobre o coro, compartimos convosco imaxes de todos estes anos e repasamos o documental #OrgulloCantabile para ver todo o que conseguimos durante quince anos. Mais aínda faltan momentos por recordar desde 2017 a hoxe. Imos repasar algúns dos máis especiais: atención!

En 2018 preparamos a Ode for the Birthday of Queen Anne de G.F. Händel e, ademais de cantala no noso XVI Aniversario, levámola tamén á Torre dos Clérigos do Porto no noso #Cantabileando2018. Xa sabedes, como #nontodovaisercantar, nesa viaxe tamén tivemos tempo para visitar o norte de Portugal e deixalo inmortalizado!

O 2019 entrou pisando forte coa viaxe a Sevilla, e continuou coa nosa primeira incursión no Barroco francés: o Te Deum de M.A. Charpentier. O noso concerto de XVII Aniversario no Teatro Colón tivo esta obra como grande protagonista e ademais serviunos para axudar a ONG New Light:

Nese ano, aínda tivemos tempo e forzas para unha segunda viaxe! Estivemos cantabileando polo norte da Península: Bilbao, Olite, Beire, Pamplona, Burgos, León… e, por suposto, tamén o deixamos gravado. Mais a cousa non acabou aí: despois de recuperar o ritmo co novo curso, aínda quedaba un reto: a gravación do noso último CD, Palabras de Luz, e o seu concerto de presentación no Teatro Colón.
O proxecto Palabras de Luz merece unha atención especial, polo traballo, musical e non musical, intenso e continuo que demandou durante dous anos. Conseguimos estrear doce pezas galegas e en galego, variadas e contemporáneas, e envialas a todos os coros galegos para que se unisen á tarefa de renovar o noso repertorio coral. Para comprender o impacto deste proxecto quizais teñan de pasar aínda uns anos, mais de momento tennos expectantes: o 21 de outubro descubriremos se somos vencedores dos Premios Martin Codax da música galega grazas a el!

En definitiva, estes anos, e todos os anteriores, foron anos de retos, aprendizaxe, viaxes, concertos… amor e orgullo. Aínda que a pandemia non nos permitise celebrar como queríamos a nosa maioría de idade, tentamos transmitirvos pola rede todas estas experiencias, coa esperanza de que axiña poidamos reunirnos a cantar e escoitar TODOS XUNTOS, sen medo nin restricións. Entretanto, seguímonos preparando. Nunca se sabe onde poderemos chegar!

Grazas pola vosa compañía neste #AniversarioVirtual, #FamiliaCantabile!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.