III Noite das Candeas Cantabile

Por terceiro ano consecutivo celebrabamos o noso concerto estival nocturno, a nosa “Noite das Candeas Cantabile”. Un concerto diferente ao noso repertorio habitual, no que queremos demostrar porqué Cantabile é algo máis que un coro. Por iso eliximos pezas algo máis animadas e tamén propias da canción tradicional que se complementan con interpretacións dos nosos coralistas que tamén son músicos, ademais dos nosos solistas.

Ademais neste ano que celebramos o noso 15 aniversario, queriamos celebralo convidando a algúns excoralistas que xa teñen a súa propia carreira musical como Pedro Martínez Tapia, e o noso Alberto Miguélez Rouco.

Por eso tamén lle pedimos a Dores Tembrás que fixese a presentación do concerto para explicar algo sobre o noso coro e sobre a Noite dás candeas.
Pero antes de que Dores fixese a introdución gardamos un minuto de silencio polas vítimas do atento que esa mesma tarda padecera Barcelona e ás que lles dedicamos o noso concerto.

Terminaba esa minuto de silencio cos aplausos do público posto en pé. E Dores dicía o seguinte:

“Boa noite. Benvidos e benvidas a esta Noite das Candeas coa que Cantabile quere celebrar dalgún xeito estes 15 anos de historia. É a terceira vez que dan este concerto, que de moitas maneiras se distingue de todos demais.

Confeso que non son imparcial ao falar de Cantabile. A miña familia tivo a sorte de que un dos meus fillos entrase a formar parte do coro, fará en xaneiro dous anos. Na aquela altura non coñecíamos este proxecto, a súa emvergadura, o seu compromiso coa música na infancia e mocidade. O feito de que unha cidade como A Coruña conte cunha asociación coa sensibilidade de cultivar a música nun proxecto no que a formación ten un gran peso, e onde a disciplina e o amor se miden a partes iguais é algo extraordinario. Hoxe somos moitas as familias dos coralistas que estamos aquí e sinto que  todos compartimos este pensamento.

Coido que non é doado percibir como público todo o que se agocha, todo o que queda na sombra , cando asistimos a un dos seus concertos. Hai unha palabra que para min é definitiva cando penso no coro: compromiso. Por parte de tódolos implicados.

Cada un dos coralistas contribúen de forma definitiva a este suceso excepcional. Cantabile é a suma de todas e cada unha destas voces individuais, que aprenden e saben que fundíndose dan lugar a algo único, que os transcende. Este compromiso e  xenerosidade é alicerce dende a natureza do proxecto.

O mesmo acontece co seu director, Pablo Carballido, colocando con xesto case imperceptíbel o lugar preciso que cada voz ten no espazo antes de comezar. Todos sabemos que é el xustamente o fío condutor que, máis que aglutinar, amparou todas e cada unha das voces ao longo destes 15 anos. A súa labor, onde a profesionalidade e a paixón son un continuum, non xera máis que admiradores perplexos e agradecidos ao seu paso. E isto non é máis que un indicio da persoa ante a que nos atopamos.

Ponlle o ramo a este proxecto a implicación dos pais e nais que conforman a directiva, traballadores incansábeis, especialistas nese traballo invisíbel, á sombra que logra darlle a todo ese acabado cálido que transcende de inmediato en canto atravesas a porta do local de ensaio.

Pero saben que é o que máis admiración esperta en min? Coñecer a familia que conforman, ver como uns coidan de outros, todo atravesado pola música.

Coido que a imaxe da candea é das que mellor pode representar o que é Cantabile, a luz que nos ilumina cando os escoitamos. Cada un de nós na nosa intimidade. A música é unha ferramenta para comunicar, para tocar ao outro a través da emoción: emotio, emotionis, “facer mover”, “sacar do lugar habitual”, desprazarnos e ser outros na nosa relación co mundo.

Que estas candeas nos alumeen na noite de hoxe. Que a sombra que nos rodea faga máis intensa a súa luz.

E comezaba o concerto, e así volo fomos contando nas redes.

Grazas a todos por abarrotar Capuchinas e regalarnos os vosos aplausos. Deixámosvos algunhas fotos e esperámosvos no próximo concerto, porque xa sabedes…#Cantabilenonpara

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *